A CEG valóraos como "presupostos realistas". CCOO censura os recortes en ensino, sanidade, protección social e promoción do emprego.
Feijoo, na presentación
"Os presupostos de Feijoo decláranlle a guerra ao desemprego". Así o subliñaba este venres o voceiro do PpdeG, Antonio Rodríguez Miranda, para quen as contas públicas aparecen deseñadas baixo "a prioridade de superar a lacra do paro na que o goberno español mantén Galiza coas súas decisións".
Rodríguez Miranda comparou así as contas deseñadas polo equipo do Partido Popular na Xunta coas elaboradas no seu día polo bipartito, acusando a socialistas e nacionalistas de prepararen uns orzamentos que "partían da premisa errónea de que Galiza non padecía os efectos da entón chamada desaceleración transitoria da economía". Fronte a iso, insistiu Rodríguez Miranda en que os números do PP foron pensados "para superar a crise", baseándose en "previsións macroeconómicas realistas, sensatas e palusíbeis". "Acabáronse os tempos nos que a Xunta se vía obrigada a corrixir as súas previsións de crecemento catro veces ao longo do ano", dixo.
Asegurou o voceiro do PP que o gasto social superará nos orzamentos de 2010 o peso que nos mesmos ámbitos tiñan nas contas de 2009, "de forma que o 70% dos presupostos irán destinados a esa causa". Ao fío, dixo que os populares apostarán pola sanidade, a educación, o benestar e demais gastos sociais fronte "á política socialista de empregar o diñeiro público para que os políticos vivan mellor a costa dos cidadáns subíndolles os impostos". E engadiu Miranda que os orzamentos "non van deixar lugar á compra de limusinas ou á adquisición de mobles de luxo" e teñen como eixos de actuación "a austeridade, xa que os altos cargos verán conxelados os seus soldos e a apertarán o cinto coma o resto dos galegos".
"É un ataque frontal ás políticas sociais", advirte o PSdeG
O secretario xeral do PSdeG, Manuel Vázquez, cualificou de "ataque frontal" ás políticas sociais as contas avanzadas polo Goberno. Debullou Vázquez, os "recortes" en cada ámbito, chamando a atención sobre o que os socialistas consideran que serán 60 millóns de euros de redución en sanidade, 34 millóns de euros, a relativa ao desemprego; e en 27 millóns de euros, a que lle afecta á educación.
Ironizou o líder dos socialistas sobre a teima de Núñez Feijoo de "falar de melloras" nestes ámbitos, alegando que sobe o peso relativo dos sectores. "As prestacións páganse con euros, non con porcentaxes", sinalou. "Que se vai deixar de pagar en sanidade? Os médicos, as medicinas, as intervencións cirúrxicas?", preguntou, recordando que a Consellaría de Educación pediu "contención" nos gastos "de luz e auga" aos centros e "agora" báixalles a asignación. Destacou ademais o recorte de 212 millóns de euros en políticas concretas contra o desemprego. "A presentación --dos presupostos-- fíxose con ánimo de confundir", reprochoulle á Xunta.
Para Manuel Vázquez, estes orzamentos "anulan" o desenvolvemento de Galiza e converten 2010 "nun ano negro", no que haberá "máis paro" e "menos políticas sociais". "Eu apoio o endebedamento se fai falta, pero endebedarse para isto é tratar de enganar a todos", avaliou, denunciando que a Xunta incorrerá "no maior endebedamento da historia de Galiza" para "destruír emprego, golpear as políticas sociais e anular o desenvolvemento futuro" cunha redución nas partidas de I+D+i e educación.
"Teñen máis dun truco", láiase o BNG
O voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, cualificou os presupostos presentados pola Xunta de "pouco críbeis", porque recollen un incremento do 0,2% do PIB, fronte ao 0,7 previsto en inicio, e porque o incremento en gasto social se deriva, ao seu xuízo, das maiores partidas que destinará o Estado á lei de dependencia.
Vázquez sinalou que, "a expensas de coñecer en detalle" os presupostos da Xunta, trátase dunhas cifras "pouco críbeis", porque "hai ben pouco falábase do 0,7 de incremento do PIB e agora do 0,2; dá que pensar con respecto a cales son as previsións de verdade do PP". Así mesmo, criticou que "se anuncie a bombo e prato o incremento" en gasto social" e en concreto, na Lei de Dependencia, posto que "ese incremento se deriva de que o Estado aumenta a cantidade destinada a esa lei", e pediulle á Xunta que achegue a cantidade correspondente. "Polo tanto, ningunha iniciativa propia", engadiu.
Guillerme Vázquez resaltou que se perfila unha redución de gasto en sanidade e en educación e detectou "filosofías privatizadoras", porque "cando se fala de incrementos de investimentos se inclúe investimentos ligados ao ámbito privado". O voceiro nacional do BNG engadiu que "seguro que estes presupostos teñen máis dun truco" e haberá que analizar "canto se dedica a economía produtiva, a gasto social ou a defensa de sectores estratéxicos".
A patronal defíneos de "oportunos" e "adecuados"
O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Antonio Fontenla, afirmou que os presupostos galegos para 2010 son "oportunos" e "adecuados", en referencia á "austeridade que reflicten" e a rebaixa da previsión de crecemento da economía, do 0,7% ao 0,2%. Deste modo, avalía Fontenla que o Goberno reforma un dato que se xulgaba "inalcanzábel". Por iso, sinalou o responsable da patronal galega ", a actual estimación, que contempla unha rebaixa de cinco décimas, axústase con maior precisión á realidade" do próximo ano, que "a pesar de presentarse complicado, conforme avance irá experimentando certa melloría".
"Segundo os datos avanzados, creo que se trata duns presupostos realistas", asegurou e argumentou que "contemplan o complexo escenario que se prevé" para 2010 "en toda a súa extensión". É, ademais, "oportuna" a "austeridade que reflicten", dixo, coa redución do gasto corrente nun 20% e o incremento dos investimentos produtivos, "un elemento de capital importancia para reverter a actual tendencia da economía". Tamén aprobou Fontenla o recurso ao máximo de débeda permitido. "Sosteño que se trata dunha decisión adecuada, dado que é necesario que a actividade da administración non decaia e sirva de estímulo para a recuperación da economía", concluíu, tras considerar que as contas do ano próximo son "as máis difíciles que tivo que confeccionar" un Goberno en Galiza.
CCOO ve graves recortes
Comisións Obreiras pediu que os orzamentos galegos de 2010 reforcen o servizo público de emprego "como intermediador real do mercado laboral" e tamén o da propia administración na súa vertente de estímulo económico.
A secretaria de Emprego, Economía Social e Autoemprego da organización sindical, Maica Bouza Seoane, opinou que se trata duns "orzamentos de transición, condicionados polo momento de crise, que implica unha caída dos ingresos e un reaxuste dos gastos". "A Xunta debía ter utilizado a súa capacidade tributaria para reaxustar o mapa impositivo, favorecendo aquelas rendas máis baixas para estimular o consumo e dinamizar a economía", queixouse Bouza Seoane. Para Comisións, é "preocupante" o "retroceso" en sanidade e en ensino, así como en políticas activas de emprego e infraestruturas.