A principios de novembro, Xerais lanza dúas novidades literarias de forma simultánea en formato impreso e electrónico.
O ebook ou libro electrónico leva un tempo en boca de todos. Mentres as empresas tecnolóxicas apuran para mellorar a tecnoloxía e reducir o prezo dos lectores dixitais (e-readers), as editoriais de todo o mundo prepáranse para non quedar atrás na revolución do libro dixital. Xerais vén de anunciar o lanzamento a primeira semana de novembro das novas novelas de Diego Ameixeiras e Suso de Toro, que serán publicadas en papel e formato eletrónico.
É a primeira vez que novidades literarias galegas se porán á venda a un tempo en papel e en versión dixital para e-readers. Farano en formato ePub, un estándar internacional para lectores de tinta dixital. As obras serán Sete palabras, unha novela de Suso de Toro presentada como unha viaxe cara ás orixes para desvelar as claves da identidade persoal do protagonista, e Dime algo sucio, un novo relato de intriga de Diego Ameixeiras.
Debate en Frankfurt sobre o ebook
A publicación destes volumes prodúcese no momento no que o debate sobre os novos formatos electrónicos acapara a atención dos que estes días participan na Feira do Libro de Frankfurt. Unha enquisa realizada pola organización do maior evento editorial do mundo sinala que o 80% dos axentes da industria editorial considera que o cambio radical que implica a dixitalización supón unha oportunidade e non un perigo.
Os 840 representantes do sector consultados sitúan como o maior desafío o desenvolvemento de novos modelos de negocio, novos produtos multimedia e novas vías de promoción, seguidos dos cambios nos hábitos de lectura e o uso dos medios. A enquisa amosa que se está a reducir ano a ano a porcentaxe de axentes editoriais que cren que o ebook nunca superará en vendas ao libro en papel. O ano 2018 é a data que a industria estima para que se vendan máis libros dixitais que impresos. Sobre cal será o sistema de pago que se impoña nos ebooks, o 25% apostan por un modelo de tarifa plana ou subscrición, mentres que o 23% prefiren o pago individual por cada contido.
Literatura galega no exterior
Na Feira do Libro de Frankfurt, que se desenvolve ata o 18 de outubro, participa Galiza cun expositor da Consellaría de Cultura e Turismo e a Asociación Galega de Editores. Nel están representadas 25 editoriais. Ademais, Nova Galicia e Kalandraka teñen expositor propio. Esta última editorial asinou este mércores un convenio coa chinesa New Century Publishing para editar no Estado Español a obra para primeiros lectores titulada Luz de lúa. Este libro inaugurará a colección “Asia” de Faktoría K, na que posteriormente se irán publicando outros títulos da literatura infantil e xuvenil chinesa.
A programación de Galiza en Frankfurt céntrase nunha mesa redonda na que participan os tres escritores seleccionados pola Consellaría de Cultura e Deporte para representar a literatura galega na feira: Marina Mayoral, Vicente Araguas e Alfredo Conde. Debaterán o venres 16 de outubro ás tres da tarde sobre a “proxección da literatura galega no exterior”.