Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Debate parlamentario

Rueda sementa a dúbida sobre o futuro de Mancomún

O conselleiro de Presidencia promete que a Xunta seguirá apostando polo software libre, mais considera que o prestixioso centro tecnolóxico ten un "custo excesivo".

Redacción - 10:00 15/10/2009

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, laiouse do "custo excesivo" que supoñían os 500 mil euros destinados a Mancomún para a Xunta e non asumiu compromisos concretos co sector nin cos traballadores despedidos. Aínda que descartou que se vaian producir "despedimentos masivos" no centro de software libre Mancomún e na Fundación Calidade, tampouco negou que vaia haber recortes.

En resposta a unha pregunta formulada pola deputada nacionalista Ana Luísa Bouza, Rueda afirmou que nas novas tecnoloxías será "no que menos afecte" a "austeridade" do Goberno, e criticou a "falta de planificación" do bipartito na materia, que obrigou a renovar "pola vía de urxencia" o contrato con Microsoft que caducaba o ano pasado. Segundo Rueda, "non foron capaces de levar á práctica a súa aposta polas novas tecnoloxías" e contrapuxo as "posicións dogmáticas" do anterior Executivo coa "aposta clara" do actual polo software libre.

Bouza cualificou de "éxito incontestábel" as políticas de I+D+i do bipartito e lembrou que se conseguiu alfabetizar dixitalmente máis de 26 mil persoas ou se acadou o 10% de empresas do país que usan software libre, entre outros logros. Tamén denunciou que o 14 de setembro a Xunta despediu sete persoas relacionadas con Mancomún e que recentemente se lles enviou un aviso de despedimento a 100 empregadas da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial, que será efectivo o 31 de decembro.

A deputada do BNG subliñou que ese persoal "é técnico, non de carácter político, co que estamos ante despedimentos improcedentes" e preguntouse "como se van manter as políticas de apoio ao software libre con estes despedimentos" e se "constitúe unha escusa para realizar os contratos con Microsoft".

Rueda replicou que a Xunta de Galicia "seguirá" co labor efectuado por Mancomún como "centro de referencia" e "marca para o software libre galego", aínda que non especificou en que medida o fará.


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: