O conselleiro Agustín Hernández nega que estea abrindo a porta a privatización ou peaxes directas. PSOE e BNG ven unha "axenda oculta".
Será a "peza fundamental" da planificación da mobilidade no país por parte do actual Goberno, tal e como definiu este martes no Parlamento o conselleiro de Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, o Plan Move (Plan de Mobilidade e Ordenación Viaria Estratéxica 2010-2015). Destacou o conselleiro que o seu equipo pretende con este proxecto despregar un ambicioso plan de infraestruturas malia a conxuntura de "forte recesión" e pretende facelo de xeito "realista" e con datas concretas.
Nese sentido, admitiu Hernández que o seu departamento vai botar man de fórmulas de participación privada co obxectivo de financiar a construción das infraestruturas previstas. Ao respecto, insistiu en que tal manobra non implicará "a súa privatización" nin provocará a creación de peaxes directas. Segundo a previsión do Goberno, do total dos fondos previstos, 4.265 millóns de euros até 2015, o 64% serán inxectados pola propia Xunta e o 36% será financiamento extra-orzamentario a través de concesións de obra, financiamento cruzado ou fórmulas mixtas. Subliñou Hernández que é un mecanismo "útil e necesario" e xustificou que o propio Ministerio de Fomento está utilizándoo para as obras da alta velocidade ferroviaria. "De privatización de infraestruturas, nada de nada", teimou, "de peaxes ao usuario, nada de nada", respondeu fronte ás acusacións da oposición parlamentaria.
Plan "ficticio" e "axenda oculta", avalía a oposición
O voceiro de Infraestruturas do PSdeG, Pablo López Vidal, afirmou ver no proxecto presentado polo conselleiro o probábel plan de "resucitar a peaxe directa". "Destapen dunha vez a súa axenda oculta",desafiou López Vidal a Xunta, chamando a Hernández a expoñer cales son as vías elixidas "para pagar peaxe". Moi crítico coa proposta dos populares, o deputado ourensán cualificou o Plan Move de "volta ao goberno da chapuza" e definiuno de conxunto de "paralización, revisionismo, renuncia e amaños ou apaños".
Ao respecto do mesmo plan, Teresa Táboas, voceira de Infraestruturas do grupo do BNG, reclamou tamén maior concreción sobre todo o relativo ao capital privado e, de xeito xeral, referiuse ao plan do Goberno como un proxecto "eivado", irresponsábel" , "ineficaz" e "ficticio". Advertiu a representante nacionalista de que o BNG vai estar "moi atento" ao tipo de contratos estabelecidos pola administración no marco deste plan para "evitar que o PP volva hipotecar Galiza e as súas infraestruturas, como xa fixeron noutras ocasións". Así, e aínda admitindo os problemas da administración para o financiamento de obras na actual conxuntura, avisou Táboas de que "non é críbel" a propia participación privada "nun momento no que están pechadas para as empresas privadas as billas dos créditos". "Non foi ese , de feito, un dos motivos polos que hai problemas para a construción da vía da alta capacidade da Costa da Morte Carballo-Fisterra?", preguntou a deputada do Bloque.