Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NOVA POLÉMICA

O PPdeG nega que financiase a súa sede inflando o prezo de obras públicas

Os conservadores consideran que o PSdG está detrás das informacións xornalísticas que sosteñen esta teoría.

Redacción - 17:50 13/10/2009

O PPdeG inchou case un millón de euros un contrato público á empresa Sociedade Civil San Lázaro, constituída polas empresas Gestinfor Inversores e Kotlas, SL. Isto é o que sostén este martes El País na súa edición galega. Segundo a información, que tamén deu a coñecer a cadea Ser, a Xunta de Fraga variou á alza a obra da Fundación Pública Escola Galega de Aministración Sanitaria (Fegas). Na noticia asegúrase que o 13 de marzo de 2003 a Fegas e a promotora asinaron diante de notario un contrato mixto de venda e opción de compra por un valor de case 2,1 millóns de euros. Dúas semanas despois reformuláronse as cláusulas e aumentouse o custe da obra a máis de tres millóns de euros. O valor de mercado, segundo un un informe de taxación, era de pouco máis de 1,7 millóns de euros.

A información pon en negro sobre branco que a mesma sociedade foi a encargada de promover a sede galega do PP en Santiago nese mesmo ano. Para máis casualidade, hai que subliñar que o partido político e a fundación pública comparten, en diferentes andares, o mesmo inmóbel. Vistas as conexións, a polémica foi cuestión de horas.

O voceiro dos conservadores, Antonio Rodríguez Miranda, apurouse a subliñar que os “populares” actuaron con “absoluta transparencia” á hora de mercar a sede santiaguesa e asegurou que o partido aínda está a pagar a hipoteca. Miranda acusa ao PSdeG de estar detrás das acusacións e sostén que se houbese ilegalidades o bipartito tería actuado durante os catro anos de mandato. Aínda que non explicou a razón pola que se variou o prezo final da obra pública, o voceiro do PPdeG mostrouse convencido de que houbo motivos xurídicos para tomar aquela decisión.

Comunicado oficial
Poucas horas despois da intervención de Rodríguez Miranda, o PPdeG fixo público un comunicado no que volve desmentir calquera irregularidade no financiamento da súa sede. Así afirma que a propiedade (de 456 metros cadrados) adquiriuna o partido en 2004 por algo máis de 1,1 millóns de euros e que por esa razón está a pagar un crédito que vence en 2019.


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: