Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Caso Gürtel

Entregándolle a auditoría á fiscalía, se cadra resolven a "amnesia", recoméndalle o PSdeG ao PP

Recórdanlle a Feijoo que Pablo Crespo foi cesado polo bipartito en decembro de 2005 logo de ser o representante do goberno do PP en Portos de Galicia.

Redacción - 18:25 09/10/2009
Xaquín Fernández Leiceaga

Xaquín Fernández Leiceaga

"Non aceptou a súa dimisión e tivo que ser cesado polo goberno socialista en decembro de 2005", subliñou este venres Xaquín Fernández Leiceaga, voceiro parlamentario do PSdeG, sobre Pablo Crespo, ex secretario de Organización do PPdeG. Fernández Leiceaga dixo que "tal e como asegura Fraga" o PPdeG, Feijoo incluído, "sabían da implicación de Crespo coa trama de financiamento irregular dende 1999". "Pero mantivérono en Portos de Galicia, organismo dependente de Feijóo como conselleiro de Política Territorial e vicepresidente da Xunta, até a chegada do goberno socialista en 2005", censurou o deputado do PSdeG.

Insistiu Leiceaga en que Crespo acompañou a Feijoo na súa etapa de conselleiro e vicepresidente e aventurou que "se cesaron todos os demais conselleiros e o mantiveron é porque sabía moitas cousas". O portavoz socialista criticou por isto o que definiu de "amnesia selectiva de Feijoo, Rajoy e Fraga" sobre as implicacións do PP galego na trama Gürtel. Ao tempo, Leiceaga convida o PP a entregar a súa "presunta auditoría interna" ao Fiscal Anticorrupción, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas. Ao fío, pregunta o socialista "por que non puxeron esta auditoría anunciada por Fraga en coñecemento das autoridades no seu momento".

"E se quere coñecer a fondo as circunstancias deste caso en Madrid non ten máis que mirar ao seu lado a persoas directamente nomeadas por el e que dependen del como presidente", suxeriulle Fernández Leiceaga a Núñez Feijoo, en alusión ao actual director xeral de Deportes, Xosé Ramón Lete Lasa, "quen foi colaborador directo de López Viejo na súa etapa na Consellería de Deportes de Madrid, e que hoxe está expulsado do Grupo do PP na Asemblea de Madrid".


5/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: