Os incendios, o saneamento das augas e a reciclaxe son os principais intereses da cidadanía galega, que supera en catro puntos o nivel de preocupación medio.
O coidado dos montes e os incendios sitúanse no primeiro lugar entre as preocupacións ambientais dos galegos
As principais inquietudes ambientais dos galegos son os incendios e o coidado dos montes. Así o sinala un estudo elaborado pola consultora Proxectos, que sitúa o nivel de preocupación da cidadanía nun índice do 25,7 puntos dun máximo de 35. É dicir, a poboación galega está catro puntos por enriba do nivel medio de preocupación na escala "Novo Paradigma Ambiental", que mide a conciencia da sociedade sobre a contorna natural.
A seguir, os galegos valoran como un problema para o medio ambiente, o saneamento das augas e a reciclaxe, por diante doutras cuestións como a selección de lixos ou o estado ecolóxico de ríos, rías e costas. Non obstante, o 80% dos preguntados ten a percepción de que as rías galegas están contaminadas polo que a maioría (90%) investiría máis cartos no seu saneamento. De igual xeito, un 75% entende que a auga é un recurso limitado e mesmo estaría disposto a pagar en función do seu consumo.
Deterioro ambiental
Entre as propostas para frear a destrución do medio ambiente, o 43% dos enquisados estaría disposto a reducir o consumo de auga e electricidade; o 35% utilizaría máis o transporte público; o 27% xeraría menos residuos e o 24% limitaría o uso do vehículo propio.
Con todo, os hábitos que si realmente aseguran asumir son a reciclaxe de vidro (até un 80%), a separación de lixo doméstico (70%) e a utilización de lámpadas de baixo consumo (64%). Pola contra só o 60% toma medidas para economizar o consumo de auga.