'Espacio Atlántico' será unha alternativa a Arco que potenciará a presenza de galerías galegas, portuguesas e doutros países.
Vigo conta desde hai catro anos cunha feira de arte. E como a máxima “renovarse ou morrer” ten máis validez aínda no ámbito da arte contemporánea, a feira antes coñecida como Puro Arte reinvéntase con novo nome e novo concepto. Chamarase Espacio Atlántico e terá unha clara vocación internacional, coa mirada posta cara a Portugal. A feira aspira a situarse como unha cita de referencia na Península, unha alternativa galega a Arco que potencie as relacións transfronteirizas tamén no mundo da arte.
Espacio Atlántico celebrarase en Vigo do 14 ao 17 de xaneiro de 2010, coa dirección de Marta Scarpellini e a dirección artística de David Barro. No recinto feiral do Ifevi estarán presentes a maioría das galerías galegas e as principais do Estado e de Portugal, así como unha ampla representación de profesionais doutros países referentes da arte contemporánea. A feira quer
Está confirmada a presenza de galerías galegas como Adhoc, Bacelos, Trinta, SCQ, Marisa Marimón ou C5 Colección/Factoría Compostela, entre outras. Doutros puntos do Estado chegarán as galerías Fúcares, Heinrich Ehrhardt, Max Estrella, Fernando Pradilla ou Raquel Ponce. As principais galerías de Portugal tamén estarán en Vigo: Filomena Soares, Mário Sequeira, Carlos Carvalho, Fernando Santos, Graça Brandão, 3+1 Arte Contemporânea, Pedro Cer, Quadrado Azul, MCO ou Pedro Oliveira, entre outras.
Homenaxe a Leopoldo Nóvoa
A feira homenaxeará ao artista Leopoldo Nóvoa, cun espazo no que se exhibirá a súa obra e unha mesa redonda arredor da súa figura. No programa da feira figuran tamén mesas redondas sobre coleccionismo e a creación dun “espazo VIP” no que se amosará a colección fotográfica de Purificación García.