Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Estatísticas

Galiza apura pero non atinxe a media estatal no uso das novas tecnoloxías

O grupo de idade de entre 15 e 24 anos amosa un apego á internet superior ao dos seus homólogos españois.

Redacción - 13:30 05/10/2009

O Observatorio Galego da Sociedade da Información (OGSI) acaba de publicar a súa análise de senllos informes do Instituto Nacional de Estatística (INE) en relación co uso das novas tecnoloxías nas empresas e nos fogares, respectivamente. Nos dous casos, Galiza segue por detrás da media do Estado Español, aínda que a tendencia é a que se reduza a distancia, con crecementos por riba da media.

Entre as empresas de máis de 10 empregados, os datos son relativamente positivos. Así, hai practicamente unha extensión universal do uso do computador e de internet. Tamén superan a media estatal nas conexións de banda larga mediante cable ou satélite, que chegan ao 12,7%, e nas conexións móbiles, co 34,8%.

Aínda que Galiza está nunha posición intermedia a nivel estatal en indicadores como dispoñer de rede local se fíos, intranet e extranet, está ao final da táboa no resto de equipamento de tecnoloxías da información e da comunicación (TIC).

Outros dos aspectos en que Galiza está no grupo de cabeza é o uso da sinatura dixital na relación coas administracións públicas e na adopción do software libre, que supera o 10% fronte ao 8,9% do Estado Español. Ademais, deuse un incremento de máis do 23% anual no uso de Linux.

No caso das microempresas, a situación é máis desfavorábel, a pesar do crecemento interanual. O 57% dispón de ordenador e o 46,7% conexión a internet.

Na análise que fai o OGSI dos datos relativos aos fogares galegos, destaca o uso da administración electrónica e o incremento interanual na penetración das novas tecnoloxías. Porén, outros indicadores fan que a poboación do país leve un suspenso. A xeografía e a estrutura da poboación son factores que xogan na nosa contra.

Aínda que medraron o uso de computadores e de internet, seguen por debaixo da tendencia estatal, que á súa vez tamén está por debaixo da media europea. O 58,5% dos fogares do país ten ordenador, cunha tendencia á alza dos equipos portátiles, que xa están no 31,6%. Internet chega xa ao 42,3% das vivendas. No Estado Español xa se supera o 51%.

O OGSI tamén chega á conclusión de que o tamaño da poboación onde se viva inflúe decisivamente no acceso que se ten ás novas tecnoloxías. Así, se os indicadores nas cidades de máis de 50 mil habitantes están próximos ao nivel medio estatal, nas localidades de menos de 10 mil a fenda é máis acusada.

No que se refire ao equipamento tecnolóxico dos fogares, o móbil xa supera ao teléfono fixo en máis de nove puntos, mentres que dous terzos contan con DVD e máis do 42% con MP3. A televisión está presente a nivel case universal, mentres que a TDT supera o 41% das vivendas e o cable o 22,8%.

O uso das novas tecnoloxías nos fogares do país está tamén por debaixo da media estatal, cun 54,3% que usaron o ordenador no último trimestre e un 49,8% que accedeu a internet nese mes mo período. O dato máis positivo é que esa tendencia se está a inverter nas novas xeracións: no grupo de idade de 16 a 24 anos supérase a media estatal en dous puntos, tanto en uso de ordenador como de conexións á internet e en comercio electrónico. Para menores de 15 anos, os datos amosan tamén unha penetración das novas tecnoloxías case universal.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: