O PASOK liderado por Papandreu aparece como favorito na cita electoral grega fronte á Nova Democracia dos conservadores do primeiro ministro en funcións, Costas Karamanlis.
O plan económico de urxencia para os cen primeiros días de goberno é unha das propostas estrela dos socialistas do PASOK que, liderados por George Papandreu, aspiran á viraxe de poder en Grecia despois de cinco anos de goberno conservador. Sería ademais a terceira vez que un membro da familia Papandreu brinque ao poder no país, logo de que o avó e o pai do actual candidato ocupasen xa en diferentes períodos o cargo de primeiro ministro.
Mentres, o partido Nova Democracia, do primeiro ministro en funcións Costas Karamanlis, chega á cita con arredor de seis puntos por baixo nas últimas enquisas coñecidas, malia que a lexislación prohibe a publicación de sondaxes nos últimos quince días. Karamanlis, quen tamén ten na historia familiar a herdanza dun seu tío que foi primeiro ministro a finais dos anos 70, aspira a recuncar cunha mensaxe baseada na acusación de "falta de realismo" ás propostas de seus rivais.
Con todo, as formacións políticas helenas enfrontan un escenario social de ampla decepción e indiferenza fronte ás propostas de futuro que veñen achegando nos últimos tempos. "Os partidos están exhaustos e seus líderes e plataformas non están á altura dos desafíos. A débeda acumúlase, a seguridade social fai augas, os nosos mercados carecen de competitividade. Tentar controlar a situación sen mudala non vai ser produtivo non desenvolverá a nosa calidade de vida. O cambio radical é necesario", editorializaba esta semana o diario grego Kathimerini.
Para ampliar: