Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Preparan un "libro branco"

Os tradutores queren saír á luz

Os profesionais galegos do sector reclaman no Día Internacional da Tradución máis visibilidade e a mellora das súas condicións.

Moisés Álvarez - 12:30 30/09/2009

O volume de traducións no mercado editorial galego medrou estes anos de forma considerábel á calor da aparición de editoras e coleccións especializadas e do aumento das axudas públicas, que agora parecen perigar logo de que a nova Consellaría de Cultura non as convocase para este ano. Detrás deste boom non só están as editoriais e a política cultural que seguiu a Xunta nos últimos anos; o auxe das traducións non sería posíbel sen o traballo dunha nova xeración de tradutores e tradutoras, responsábeis de boa parte das novidades verquidas ao galego. Son profesionais saídos da facultade que buscan o recoñecemento social do seu traballo e mellorar as condicións dunha figura imprescindíbel no sistema editorial.

Se hai apenas uns anos a maior parte das versións ao galego de obras literarias as asinaban escritores, docentes e eruditos, na actualidade o peso da tradución literaria lévana os profesionais do sector, licenciados na Facultade de Filoloxía e Tradución de Vigo. Son tradutores de arredor de 30 anos de idade, que queren facer valer a súa profesionalidade e os coñecementos e recursos adquiridos na súa formación. Daniel Saavedra, que con 26 anos asinou a versión galega d'O neno co pixama a raias, cre que “ as novas xeracións teñen unha visión nova cara á lingua, e intentan deixar unha pegada diferente”.

Marilar Aleixandre, escritora que este 30 de setembro recibe a homenaxe da Asociación Galega de Tradutores polo seu traballo neste ámbito, ve na maior presenza de tradutores profesionais un signo de normalización do sistema literario galego: “En Galiza a tradución deixouse totalmente ao voluntarismo e á iniciativa privada, o que explica que houbera moitas traducións de escritores. E este ten que ser un traballo máis sistemático e artellado”.

Na busca de máis visibilidade
A convivencia de profesionais e nomes da cultura asinando traducións é entendida como positiva por Eva Almazán, a tradutora máis prolífica dos últimos anos: “Para que unha comunidade cultural sexa normal, no mundo editorial e literario deben convivir os dous colectivos”. O que os profesionais da tradución lamentan é que a consideración sexa diferente segundo quen asina a tradución: “É inxusto que se a fai un escritor pareza que ten máis valor que se é dun nome descoñecido”, opina Patricia Buján, tradutora de A medición do mundo e outras obras verquidas do alemán.

“No uso do nome do tradutor hai moito de estratexia”, confirma Laura Sáez. A autora da versión galega de A voda, de Carson McCullers, denuncia que “as editoriais ás veces usan escritores famosos, que levan o nome na portada, e logo a revisión faina un tradutor anónimo”. Tamén Daniel Saavedra demanda maior presenza: “Somos os tapados da produción literaria, estamos un pouco de lado, facendo o traballo sucio”.

Sen embargo, parece que algo está a cambiar nese sentido. Lara Domínguez Araújo, tradutora de Terrorista, de John Updike, cre que “o tradutor é unha figura que só aparece cando hai problemas, pero no sistema editorial galego cada vez ten máis visibilidade”. Jairo Dorado Cadilla dá a súa opinión desde Saraievo, onde traballa como intérprete ademais de asinar traducións de linguas balcánicas ao galego: “penso que a nivel editorial imos a modo pero con seguridade cara a un recoñecemento axeitado”.

Condicións mellorábeis
Para Eva Almazán, a figura do tradutor está ben valorada na sociedade e considera a situación galega como “privilexiada”: “Aquí son habituais elementos que noutras culturas serían excepcións; a aparición do nome do tradutor na capa dos libros, a sinatura de contratos de tradución legais e xustos, a invitación a actos de presentación das obras, a existencia de premios de tradución coa mesma categoría ca os de creación literaria ou o interese dos medios en contar cos tradutores en entrevistas e debates, por exemplo”.

A maior parte dos tradutores novos non se amosan tan optimistas, aínda que recoñezan melloras nas condicións profesionais grazas ás axudas públicas e á receptividade das editoriais. Un informe de 2008 do Consello Europeo de Asociacións de Tradutores Literarios avaliaba a súa situación en diferentes países europeos, e aínda que non analiza como se atopa en Galiza, “amosa que as condicións son bastante mellorábeis na maioría dos países”, explica Lara Domínguez, que engade “que polo xeral, para vivir dignamente hai que compaxinar varias actividades”.

Agás Eva Almazán, os profesionais consultados consideran que non se pode vivir unicamente das traducións literarias. “Non é rendíbel, tes que facelo por afección ou por compromiso, e sempre porque tes outros traballos”, explica Laura Sáez. “Estante acordando prezos por proxecto, e ao final acabas cobrando 4 ou 5 euros por páxina, e para facelo ben podes botar un día con esa páxina”.

Axudas vinculadas ás tarifas
Lara Domínguez, Patricia Buján e Laura Sáez formaron hai seis meses un equipo de traballo no seo da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación (AGPTI) para elaborar un Libro Branco da Tradución en Galiza, un documento que debe servir para establecer as bases das relacións profesionais do sector. “O obxectivo é establecer un protocolo de actuación que sexa seguido polos editores”, sinala Sáez. Traballan coa idea de que a concesión de axudas públicas á tradución se vincule a que as editoriais garantan unhas condicións dignas aos tradutores. Domínguez explica que en Cataluña si se teñen en conta esas condicións: “se a tarifa que paga a editorial ao tradutor supera un mínimo, ten máis puntos e máis posibilidades de que lle concedan as axudas”.

Para que iso sexa posíbel, o primeiro paso é que a Consellaría de Cultura volva convocar as axudas á tradución, que suspendeu este ano pese á disconformidade das editoriais e a sorpresa do mundo da cultura. “En todos os países se dan axudas á tradución, non só en países con linguas minorizadas”, opina Lara Domínguez, “son fundamentais para crear cultura”. O departamento que dirixe Roberto Varela anunciou que volverá convocar esta liña de subvencións xa a finais deste ano, a cargo dos orzamentos de 2010, pero polo de agora semella que o ritmo de traducións se reduciu nos últimos meses.


5/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Seis dos novos tradutores galegos: Laura Sáez, Eva Almazán, Daniel Saavedra, Lara Domínguez, Jairo Dorado e Patricia Buján
Seis dos novos tradutores galegos: Laura Sáez, Eva Almazán, Daniel Saavedra, Lara Domínguez, Jairo Dorado e Patricia Buján