Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
O centro terá personalidade xurídica propia

O portugués Miguel von Hafe dirixirá o CGAC con “perspectiva atlántica”

O sector da arte valora como positiva a escolla. O conselleiro de Cultura sinala que o novo director potenciará a parte expositiva.

Moisés Álvarez - 18:00 29/09/2009
Miguel von Hafe Pérez, novo director do CGAC

Miguel von Hafe Pérez, novo director do CGAC

Miguel von Hafe Pérez é o novo director do Centro Galego de Arte Contemporánea. O padroado do CGAC nomeouno este martes a proposta do comité de expertos que convocou a Consellaría de Cultura e Deporte. O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, anunciou que o novo director dará máis peso á parte expositiva e museística do centro, fronte á aposta pola investigación e a produción artística do anterior director, Manuel Olveira.

Miguel von Hafe Pérez (Porto, 1967) ten unha longa experiencia como docente e como comisario, á fronte de máis de 40 exposicións desde 1993. Foi responsábel da área de artes plásticas e arquitectura na capitalidade europea da cultura de Porto 2001. Traballou en diversos proxectos en Portugal, Barcelona e Brasil, foi editor da revista Confidências para o exílio e é o responsábel do proxecto Anamnese, unha base de datos sobre artistas contemporáneos portugueses desenvolvida pola Fundação Ilídio Pinho.

Pontes con Portugal e Brasil
O presidente do Padroado do CGAC, Vicente Arias, cualificou o proxecto que presentou Miguel von Hafe como “equilibrado e atractivo” e subliñou que nel se aprecia que “coñece moi ben a realidade do museo e de Galiza”. Von Hafe participou en diversos proxectos aquí, entre eles o comisionado dunha das bienais de Pontevedra.

A perspectiva atlántica que poida achegar o novo director é un dos aspectos que destacou o conselleiro na presentación do seu nomeamento. O crítico e comisario David Barro, gran coñecedor da arte contemporánea no ámbito lusófono, cre que sería moi positiva esa orientación: “Galiza ten unha posición estratéxica na súa relación con Portugal e Brasil. O CGAC é un dos poucos museos especializados en Europa que traballan con Portugal e Latinoamérica, e sería unha pena perder esa posición”.

Unha mirada sen prexuízos”
A designación do primeiro director internacional do CGAC, o quinto da súa historia, foi ben acollida no sector da arte en Galiza. A falta de coñecer polo miúdo a súa proposta, e sen poder xulgar se era a mellor entre as presentadas, David Barro, a galerista Marisa Marimón e o profesor de Belas Artes Xosé Manuel Buxán apuntan aspectos positivos da escolla. “Estivemos loitando para que por fin se fixesen as cousas claras cun concurso público, así que me fío moitísimo dos criterios do comité”, explica Marimón, presidenta da Asociación Profesional de Galerías de Arte de Galicia.

David Barro salienta de von Hafe que “vive a arte desde un punto de vista militante”, e pensa que “vai contar con todos os axentes para abrir o centro a un sector que moitas veces camiña por libre”. Barro considera positivo que o novo director sexa de fóra de Galiza porque “achegará unha mirada máis limpa e sen prexuízos a un centro tan conflitivo en moitos casos”. Confía no seu criterio para darlle á programación do CGAC “unha dimensión máis aberta, que ofreza a súa perspectiva persoal pero sabendo cales son as necesidades do centro”.

Xosé Manuel Buxán ve a elección como unha ruptura coa frecuente endogamia nos centros de arte contemporánea. “É un punto a favor que a persoa elixida non fose antes director de ningún centro de arte”. O profesor de Belas Artes na Universidade de Vigo matiza que para valorar a decisión do padroado sería necesario coñecer “en que consistían os proxectos dos outros candidatos e que considerou o comité de expertos para valorar este sobre os outros”.

Personalidade xurídica propia
Nesta nova etapa o CGAC vai contar con personalidade xurídica propia. Roberto Varela anunciou que a Consellaría de Cultura iniciará os trámites para cambiar o réxime xurídico do centro para convertelo en organismo autónomo da administración ou en fundación de carácter público con titularidade da Xunta de Galicia. Na actualidade é un organismo integrado dentro da Xunta sen personalidade xurídica.

O conselleiro falou da “necesidade deste cambio para garantir a modernización do centro, poder traballar con máis eficiencia e dotar de máis autonomía ao museo”. Marisa Marimón felicitouse por un cambio que considera positivo “para que o CGAC non estea ao vaivén de cada cambio político”.


4,2/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: