Os nomes máis votados en Ladbrokes.com son os de Oz, Assia Djebar, Luis Goytisolo, Joyce Carol Oates e Philip Roth.
Amos Oz
O Centro PEN Galicia volve propor a Xosé Luis Méndez Ferrín para o Premio Nobel de Literatura. O mes que vén a Academia Sueca dará a coñecer os gañadores do Nobel de Medicina, de Física, de Química e de Economía, e confirmará a data na que anunciará o premio de Literatura. En internet xa se fan apostas, e Amos Oz sitúase na web Ladbrokes.com como o escritor con máis posibilidades.
A sección galega do International PEN volveu propor a Méndez Ferrín ao Nobel, respondendo así á petición anual de candidaturas que a Academia Sueca envía ás diferentes seccións do PEN. Luís González Tosar, presidente do Centro PEN Galicia, sinala que en Ferrín “cúmprense as condicións para ser o noso candidato”. O autor de Con pólvora e magnolias é o nome proposto cada ano pola organización desde 1995.
Fagan as súas apostas
De gañar Ferrín o máximo galardón literario, sería unha auténtica sorpresa para os apostantes en internet. O Premio Nacional de Cultura non figura entre os 60 autores aos que lle ven máis posibilidades na casa de apostas británica Ladbrokes.com. Esta lista encabézaa o israelí Amos Oz, cunhas apostas de 4 a 1. Ségueno a directora de cine e novelista alxerina Assia Djebar (5/1) e o poeta Luis Goytisolo (6/1). Haruki Murakami, os estadounidenses Joyce Carol Oates, Philip Roth e Thomas Pynchon, os italianos Claudio Magris e Antonio Tabucchi, e o sirio Adonis tamén figuran entre os favoritos.
Entre os candidatos dos apostantes non falta Bob Dylan (apostas 25 a 1) e algúns dos nomes máis coñecidos da literatura actual: Mario Vargas Llosa, Salman Rushdie, Don deLillo, Joan Marsé, Michael Ondaatje, Milan Kundera ou Alice Munro. O Nobel do 2008, Jean Marie Le Clézio, figuraba o ano pasado entre os favoritos en Ladbrokes.com, cunhas probabilidades de 14 a 1.