A Xunta pretende axudarlles a "recuperar o seu equilibrio financeiro e presupostario" cunha partida dun millón de euros.
Os concellos galegos están a percibir un apreciábel descenso dos ingresos que manexan, unha realidade que obedece á situación de crise económica, mais que ten unha importante repercusión na eficacia das súas propias políticas. Ante esta realidade, coñecida por todos, o Consello de Xunta aprobou este xoves achegar un millóns de euros aos concellos de menos de cinco mil habitantes para "axudarlles a recuperar o seu equilibrio financeiro e orzamentario".
Será a través da sinatura dun convenio coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e afectará, concretamente, a 199 dos 315 concellos nos que se vertebra Galiza. Así, as contas dan exactamente un reparto duns 5.025 euros de media por concello, unha cantidade que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, precisou que se destinará a axudar fundamentalmente ao pago de gastos correntes.
O texto do convenio lembra que "á Xunta de Galiza lle corresponde fomentar e promocionar as relacións de colaboración e cooperación entre as diferentes administracións", polo que fai constar que este convenio quere contribuír a que "progresivamente estas entidades locais menores vaian recuperando o seu equilibrio financeiro e orzamentario, cancelando as obrigas contraidas con terceiros e atendendo aos gastos".