O CDU (coalición entre o PCP e o Partido Ecologista), conseguiría o 7,2% do sufraxio, dúas décimas menos que hai catro anos.
O voto útil podería decantar o resultado
Unha nova sondaxe divulgada esta cuarta feira outórgalle a vitoria ao PS nas eleccións lexislativas deste domingo. De acordo co barómetro da Marktest realizado para a TSF e o Diário Económico, os socialistas conseguirían o 40% do voto, seguidos do PSD, co 31,6%, e do Bloco, co 9%.
Cómpre recordar que hai catro anos, nas lexislativas de 2005, os resultados destas tres formacións foron: PS, 45,03%; PSD, 28,76%; e Bloco de Esquerda (BE), 6,35%.
De seren correctas estas previsións, confirmaríase o progreso dos socialistas desde o inicio da campaña electoral e o retroceso do partido de Manuela Ferreira Leite, que partían cun empate técnico a principios de mes.
Outra proba desta mudanza, informa o diario Público, é que o candidato do PS e actual primeiro ministro, José Sócrates, volve falar de maioría absoluta e non de simple vitoria.
O BE, que segundo esta enquisa caería respecto a sondaxes anteriores, seguiría a superar o CDS-PP (en cuarto lugar, cunha intención do 8,2%) como terceira forza máis votada. A CDU (coalición entre o PCP e o Partido Ecologista), conseguiría o 7,2% do sufraxio, dúas décimas menos que hai catro anos.