O BNG presenta un decálogo de medidas sobre aspectos polémicos no inicio de curso, apoiado polos deputados do PSdeG, mais desbotado pola maioría do PPdeG.
A deputada do BNG Carme Adán presentou este martes no pleno do Parlamento unha proposta en que se pedía o cumprimento de dez puntos "básicos" sobre aspectos de educación que foron obxecto de conflito neste inicio do curso.
Concretamente, a nacionalista demandou que se recupere a gratuidade dos libros de texto, mellorar e manter os comedores escolares, apostar pola educación no medio rural, potenciar as escolas de idiomas e as escolas infantís ou retirar os concertos educativos aos centros que segregan por sexos, entre outras.
Durante a súa intervención, Adán censurou a "improvisación" do novo Executivo neste ámbito e criticou que se "pecharon colexios" e que se atacou "a calidade educativa". "A Consellaría é experta en dicir unha cousa e facer a contraria", resumiu.
O deputado do PSdeG Guillermo Meijón, reprobou tamén o "desmantelamento e o ataque ao ensino público", e reclamoulle á Xunta que "rectifiquen" na súa acción neste eido. "Sempre contarán connosco cando rectifiquen", aseverou.
O PPdeG, pola tanxente
Román Rodríguez, parlamentario do PPdeG, desviou a atención da iniciativa do BNG, e ofreceu unha contraproposta maximalista, isto é, un "pacto" de principios educativos, co obxectivo de rematar cos "constantes cambios" no ensino.
"Non o facer é resignarse a que a educación sexa unha auténtica polémica", diagnosticou para chamar á "pluralidade educativa". "Fariámoslle un favor a Galiza", dixo Rodríguez.
Adán replicoulle que este é "un tema para trata en serio" e que un acordo dese tipo require "saber que obxectivos, principios e como se vai a pactar". Porén, dubidou das intencións do PPdeG porque "en seis meses os nacionalistas nunca foron invitados para ser informados de ningunha cuestión ou decisión".
Logo do debate, a moción defendida pola nacionalista contou cos votos favorábeis dos deputados do BNG e do PSdeG, mentres que os do PPdeG, maioría no Parlamento, votaron en contra.