O Xacobeo Galicia despide o seu médico, vinculado ao Liberty Seguros, equipo dos corredores descalificados.
Nuno Ribeiro será desposuído do título de gañador da Volta a Portugal
A dopaxe volve sacudir o ciclismo. Nesta ocasión é na Volta a Portugal, onde se rexistraron tres positivos polo coñecido como EPO de terceira xeración. O madrileño Héctor Guerra, o vasco Isidro Nozal e o portugués Nuno Ribeiro, os tres do equipo Liberty Seguros, deron positivo nas análises realizadas antes do inicio da competición. A compañía aseguradora xa anunciou que deixa de patrocinar o equipo e abandona o ciclismo.
Nuno Ribeiro rematou primeiro na clasificación da Volta a Portugal, que rematou o pasado 16 de agosto. Era a primeira vez que un corredor portugués conseguía a vitoria desde que o mesmo Ribeiro o fixera no 2003. Ao ser desposuído do título, o gañador pasará a ser David Blanco, que rematou segundo. O corredor galego suma así a súa terceira vitoria na clasificación xeral desta carreira, logo das de 2006 e 2008.
O Xacobeo prescinde do seu médico
Logo de coñecerse estes casos de positivo, o Xacobeo Galicia rescindiu o contrato a Alberto Beltrán, médico do equipo, pola súa implicación profesional co Liberty Seguros. Beltrán substituíra neste posto a José Manuel Rodríguez Bastida o 2 de setembro, na primeira xornada de descanso da Vuelta a España. A partir dese momento, a organización da Vuelta aplicou controis máis intensos ao equipo galego, a instancias da Unión Ciclista Internacional (UCI).