Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Críticas á política lingüística da Xunta

BNG: "Intoxicar" para "autoacomplexar"

A formación nacionalista organiza unha xornada o sábado en Pontevedra para debater sobre a situación do galego.

Redacción / EP - 18:30 16/09/2009
Rodríguez, esta cuarta feira

Rodríguez, esta cuarta feira

O secretario de Formación da Executiva do BNG, Francisco Rodríguez, acusou esta cuarta feira o PPdeG e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, de "intoxicar, mentir e manipular" co obxectivo de "autoacomplexar" os galegos para que "caven a tumba" da súa lingua propia.

Rodríguez advertiu de que os populares están a levar a cabo unha "operación política de grande envergadura" para "exterminar" o galego, con accións de "desprestixio da literatura ou do cinema", e constatou unha situación "tremendamente preocupante" derivada desta acción "belixerante".

O PPdeG, dixo, procura "reducir máis a conciencia do pobo galego, para que neste medre o autodesprezo", algo que é "caldo de cultivo para a política" do Partido Popular, engadiu.

Para o dirixente nacionalista, os populares queren "impedir que o galego teña dereitos (nos cidadáns) e deberes (na administración)", o que reduce a lingua a un idioma "nun papel".

"En cantas empresas toleran o galego?, cantos medios hai en galego?, en cantas grandes empresas de Galiza toleran a expresión en galego?, cantos membros da administración falan motu proprio galego?", preguntouse ao respecto dos que falan dunha suposta "imposición do galego".

Xornada de debate e formación
Neste contexto, o Bloque organizou unha xornada, que terá lugar en Pontevedra o próximo sábado, onde se debaterá sobre a situación da lingua galega e da "cacarexada liberdade" que propugna o Goberno da Xunta e que, a xuízo de Rodríguez, é unha postura "cínica".

Outro dos aspectos que se discutirán será a situación sociolingüística no noso país. "En Galiza non hai bilingüismo", afirmou o dirixente da formación nacionalista. "Os únicos que son bilingües son os galegofalantes", dixo.

A xornada tamén servirá para abordar "como reaccionar sen complexos e con debate, así como coa consciencia de que o galego ten valor e utilidade", ante as políticas de "belixerancia". Rodríguez considerou que a "galegofobia" é un "problema ideolóxico".

"Non hai que ser moi listo para saber que son as mesmas que defenden a simboloxía fascista, as que cren que o galego ten que ser un pobo emigrante, as que lle teñen noxo a Portugal, as que precarizan os traballadores, as que non cren nos dereitos das mulleres nin dos homosexuais e as que non queren máis autogoberno para Galiza", dixo.

Galicia Bilingüe
A propósito das xornadas organizadas por Galicia Bilingüe a pasada semana en Pontevedra, denunciou que nese foro "subvencionado con 60 mil euros dos fondos públicos" participaron "sicarios" da lingua propia pagados "co diñeiro de todos" para "atacar o galego".

"Chégase a poñer en cuestión o propio Estatuto de Autonomía", afirmou. "Que o galego é lingua propia de Galiza non o inventou o BNG, está no Estatuto", recordou.


4/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: