A Asemblea Nacional deulle luz verde ao texto, que tivera que ser modificado pola súa inconstitucionalidade.
A Asemblea Nacional francesa aprobou, de vez, a lei Hadopi, que pretende combater as descargas ilegais na internet e que entrará en vigor dentro dun mes. A norma converte o estado francés nun dos máis duros de Europa á hora de castigar a pirataría.
A lei contou co apoio de Nicolas Sarkozy e dalgúns dos artistas máis populares de Francia, e acadou 285 votos a favor -dos conservadores da UMP e dos centristas do NC- fronte a 225 en contra, da oposición da esquerda e dos ecoloxistas. O texto saíu adiante despois dunha complicada tramitación, que incluíu o rexeitamento do Consello Constitucional, que anulou a disposicón de outorgarlle a un organismo administrativo -a Hadopi- o poder de cortarlles o acceso á internet ás persoas que reincidisen en infrinxir os dereitos de autor.
A versión definitiva da lei determina que só un xuíz poida interromperlles a conexión aos internautas. Antes recibirá dous avisos: unha primeira mensaxe por correo electrónico aconsellando abandonar as descargas polos riscos que poden supoñer, e unha segunda carta certificada. De persistir na infracción, a persoa quedará sen internet entre un mes e un ano, período en que terá que seguir pagando a factura da conexión.
En calquera caso, aínda unha comisión mixta de deputados e senadores terá que revisar o texto para darlle a forma definitiva.