Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Día Internacional da Tradución

Os tradutores homenaxearán a Marilar Aleixandre

Daoud Hari, intérprete sudanés na guerra de Darfur, ofrecerá unha conferencia en Santiago o 29 de setembro.

Redacción - 13:15 15/09/2009
A escritora e tradutora Marilar Aleixandre

A escritora e tradutora Marilar Aleixandre

O 30 de setembro é o Día Internacional da Tradución, que este ano ten como tema "Traballar en común". En Galiza, os profesionais do sector celebrarano cunha homenaxe a Marilar Aleixandre. A escritora nada en Madrid é autora de varias traducións, que se suman á súa longa produción poética e narrativa, tanto para adultos como para público infantil e xuvenil. Entre as obras que verteu ao galego destacan Muller ceiba (“Loose woman”) de Sandra Cisneros; A caza do Carbairán (“The Hunting of the Snark”) de Lewis Carroll, que se atopa na Listaxe de Honra do IBBY; e Harry Potter e a pedra filosofal (Harry Potter and the Philosopher's Stone) de J. K. Rowling.

Un día antes, o 29 de setembro, o auditorio do CGAC acolle unha conferencia do sudanés Daoud Hari. Traballou como intérprete e guía de ONGs e xornalistas en Darfur ata que no 2006 o detivo o goberno de Sudán xunto co xornalista Paul Salopek e o condutor chadiano Abdulraham Anu. Foron postos en liberdade pola presión da diplomacia internacional, despois do cal Hari mudouse para os Estados Unidos e publicou as súas memorias: O intérprete: memorias dun membro dunha tribo de Darfur.

Os actos do Día Internacional da Tradución complétanse co programa de actividades que prepara a Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, que incluirán un ciclo de cine. Representantes desta escola, xunto cos da Asociación de Tradutores Galegos e os da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación reuníronse este luns co director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López, para ultimar os detalles dos actos dese día.

A celebración estará marcada pola decisión da Consellaría de Cultura de non convocar este ano as axudas á tradución, que o ano pasado tiveron un orzamento de 307 mil para a tradución de libros ao galego e desde o galego a outras linguas.


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: