Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
De Nauman a Macchi

A exposición 'Irreversible' cuestiona os límites da arte

A colección Sánchez-Ubiría achega a Pontevedra a mellor selección internacional das últimas décadas.

Redacción - 12:00 14/09/2009

No Pazo da Cultura de Pontevedra xúntanse ata o 15 de novembro obras de 42 artistas de referencia das últimas décadas. O Concello de Pontevedra organiza a exposición Irreversible, unha selección na que a comisaria Maria Peña Lombao se achega á dobre cara da colección Sánchez-Ubiría.

A colección é propiedade do matrimonio conformado por Marga Sánchez e Sebastián Ubiría. Mentres ela di ser “máis lúdica”, el interésase máis pola arquitectura e por aspectos formais. “Entre ambos creamos un equilibrio, por iso se mostran esas dúas partes” afirma a coleccionista. No Pazo da Cultura amósanse as dúas miradas: unha racional e outra máis sentimental.

Unha das obras máis importantes da colección é “Setting a good corner (Allegory & Metaphor)”, un vídeo de máis de 50 minutos nos que Bruce Nauman constrúe un valado no medio de ningures para preguntarse se iso pode ser considerado arte só por ser feito por el. Na mesma liña de poñer en cuestión os límites da arte e as fronteiras entre disciplinas artísticas atópanse pezas de Ángela de la Cruz, Imi Knoebel, Katharina Grosse, Miquel Mont ou Helmut Dorner.

Entre as propostas fotográficas destaca a de Gordon Matta Clark, a provocación de Robert Mapplethorpe -con metralleta ante a estrela de David- ou unha das últimas instantáneas de John Coplans antes da súa morte. O humor negro tamén ten cabida en “Irreversible”, da man de Fernando Renes e Marcel Dzama. Entre a escultura e o debuxo atópase a obra de Carlos Garaicoa. Jorge Macchi, Waltercio Caldas e Lilian Porter presentan debuxos exquisitos.

Irreversible coincide estes meses en Pontevedra con outras dúas exposicións destacadas: a retrospectiva sobre Man Ray inaugurada no Centro Social Caixanova e a mostra de “Novos Valores” no Museo de Pontevedra.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: