A medida que avanza o número de venres neste mes de setembro, aumenta a tensión entre musulmáns e xudeus.
A medida que avanza o número de venres neste mes de setembro, aumenta a tensión entre musulmáns e xudeus en Xerusalén, capital compartida en canto a fervor relixioso e temores, pero dividida no tocante a razóns políticas, sociais e xeográficas.
A posta do sol do venres indica o comezo do día santo para os xudeus e da fin do día para os musulmáns. Mentres os primeiros rematan os preparativos da xornada de descanso, os outros apuran para comezar a rotura do xaxún. Uns acoden ás sinagogas e outros ás mesquitas, e, os que poden, achéganse ata o centro da cidade vella de Xerusalén, ata o lugar onde conflúen pasado e presente, enfrontados, no nome de Muro dos Lamentos e de Mesquita de Al-Aqsa.
Dende o Muro dos Lamentos, considerado a parede exterior do segundo templo de Xerusalén, pódese rabuñar coa vista ata chegar ás paredes que recobren a explanada das mesquitas. De aí que, nalgunha ocasión, os rezos dos xudeus se visen atormentados por choivas de pedras e que os lanzamentos fosen esquivados con balas tiradas dende calquera dos parapetos que envolven a cidade vella.
Unhas escaleiras e unhas rúas angostas separan un lugar do outro, o que fai inevitable que as fes se unan nalgunha parte do camiño. Este venres, penúltimo do mes de Ramadán, os camiños angostos da cidade santa apertaron entre as súas pedras a máis xente da que adoita recibir. Preto dun cuarto de millón de fieis musulmáns rezaron na mesquita de Al-Aqsa, e con eles, milleiros de militares e policías vixiaron as formas para evitar enfrontamentos. Con todo, as rúas non só esconden templos e pegadas de fe, senón tamén odios e medos; por iso, as inevitables miradas poden confundirse con chiscadelas tensas e de rancor e os actos místicos poden devir en accións menos depurativas para o espírito.
Durante as últimas semanas, os avisos de conxelación na construción de novos asentamentos, unidos á edificación de novas casas nos xa existentes, amais da expropiación de casas a árabes que viven nas veciñanzas de Xerusalén máis achegadas ás ringleiras de colonias, provocaron un aumento nas sempre avivables tensións da zona. Nas aldeas palestinas fronteirizas cos asentamentos repetíronse as detencións ao longo da semana, mentres as maiores protestas se congregaron en Xerusalén, onde se esixen vivendas dignas para os xudeus de Cisxordania. E é aí precisamente, na cidade santa, onde temor e odio son máis palpables.
Este venres, o case cuarto de millón de musulmáns que chegaron a Xerusalén dende diversas partes de Cisxordania, colapsando os pasos fronteirizos, que tiveron que abrir comportas especiais, como no caso de Belén, onde se abriu o portalón reservado para chegadas como a do Papa, tinguiu a cidade vella de Xerusalén de árabe. E esa tintura foi a que amedrentou ao rapaz de vinte anos que disparou contra outros dous. O mozo, un xudeu con permiso para levar armas, sentiuse ameazado polas miradas duns veciños da zona e disparou, ferindo a dous deles nas pernas. Agora, as miradas e as críticas céntranse no xusto que é que un neno leve armas, en delimitar a idade da infancia, en catalogar o nivel de odio e rancor nuns ollos, e en intentar achar solución a unha cuestión de fe que abraza espiritualidade e carnalidade segundo a hora do día.