Segundo o xornal 'El Tiempo', empresariado do país estaría a contratar mercenarios de Colombia para protexer os seus terreos.
Roberto Micheletti
O presidente golpista de Honduras, Roberto Micheletti, asegurou este domingo que "non hai marcha atrás" na destitución do presidente constitucional, Manuel Zelaya, deposto polos militares o pasado 28 de xuño. Micheletti confirmou, ademais, que as autoridades estadounidenses lle retiraron o visado de viaxe, que cualificou de "medida de presión".
Ademais de Micheletti, quedaron sen visado outros altos cargos do goberno de facto, como o ministro de Asuntos Exteriores, a vicepresidenta do Congreso Nacional, os 14 maxistrados da Corte Suprema de Xustiza e algúns empresarios con negocios nos EUA. Zelaya lamentou que o "país amigo" lle remitise a carta como presidente do Congreso Nacional.
Por outra banda, empresarios de Honduras achegáronlle unha oferta monetaria a paramilitares colombianos para que lles defendan os seus terreos, segundo revela o xornal colombiano El Tiempo. A publicación asegura que ofrecen até 14 mil lempiras (507 euros) mensuais por persoa, máis aloxamento e comida.
A oferta está dirixida a antigos membros das Autodefensas Unidas de Colombia, moitos deles acollidos a plans de reinserción do goberno colombiano. Segundo a información, empresarios da palma e da cana de azucre queren protexer as súas parcelas da violencia posterior ao golpe de estado e dos ataques das 'maras'.
Ademais, "hai ofrecementos de organizacións de ultradereita de varios países ao goberno hondureño", segundo asegurou Tomás Andino, deputado de Unificación Democrática, terceira forza política do país.