Vázquez define o ex presidente Touriño como "unha persoa que foi e é todo no socialismo galego", polo que "sempre o levará "no corazón".
O "recorte" de dereitos sociais e a "parálise" da Xunta foron os asuntos que centraron este sábado a intervención do secretario xeral do PSdeG, Manuel Vázquez, na Festa da Rosa que os socialistas galegos celebraron en Vilagarcía de Arousa e que serve como inauguración oficial do curso político.
Logo dunha semana convulsa a nivel interno, motivada polas ausencias de destacados dirixentes do partido no Comité Nacional e polas disputas arredor da celebración da asemblea local do PSOE de Vigo, e ante a inminencia dos congresos provinciais, o PSdeG quixo resolver toda polémica arroupando o líder socialista.
De feito, nesta ocasión si foi posible ver en primeira fila aos alcaldes de Vigo, Abel Caballero, e da Coruña, Xavier Losada, xunto co rexedor compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, o único que non faltou no máximo órgano do partido entre congresos da semana pasada.
En canto aos primeiros edís do resto das cidades do país, o de Lugo, Xosé López Orozco, non foi quen de chegar até a sobremesa; e os de Ferrol, Vicente Irisarri, e Ourense, Francisco Rodríguez, desculparon a súa ausencia por compromisos persoais ou por cuestións de traballo, do mesmo xeito que o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Carlos Fernández.
Á marxe dos alcaldes, entre uns cinco mil asistentes, atopábanse a secretaria de Organización do PSOE, Leire Pajín; os ministros de Xustiza, Francisco Caamaño; a de Medio Ambiente, Rural e Mariño, Elena Espinosa; a portavoz do PSOE no Senado, Carmela Silva; o delegado do goberno español en Galiza, Antón Louro, e o seu predecesor no cargo, Manuel Ameijeiras; así como o ex presidente da Xunta Emilio Pérez Touriño.
Eloxios a Touriño
Precisamente, este último converteuse, por un momento, en protagonista do evento cando Vázquez, desde o escenario, se referiu a el como "unha persoa que foi e é todo no socialismo galego".
"Estivo, está e seguirá estando no corazón de todos nós", eloxiou, o que motivou que o aínda deputado autonómico se levantase, logo de se quitar a tipoia que loce no brazo desde hai unha semana, para saudar e recibir os aplausos dos asistentes, aínda que cun rictus serio.
Tamén Leire Pajín chamou a atención sobre el durante a súa intervención, no momento en que criticou a supresión da gratuidade dos libros de texto por parte da actual Xunta. "Que podemos esperar deles, Emilio?", preguntoulle.
Gaiteiros e empanada
Á marxe do discurso político, os protagonistas da festa foron a empanada e os gaiteiros que, procedentes de Malpica, amenizaron a entrada ao recinto feiral que acollía o evento e puxeron o punto e final ás intervencións dos dirixentes do partido co Himno Nacional.
O resto da música, que apenas deixou de escoitarse durante a comida, correu a cargo de militantes espontáneos, que non dubidaron en entoar A rianxeira e O cantar miudiño, entre outros temas populares.