Este venres pola tarde, tres manifestacións a prol da independencia percorren as rúas do centro barcelonés.
Manifestación do ano pasado
A convocatoria o domingo dunha consulta popular sobre a independencia en Arenys de Munt, a sentenza do Tribunal Constitucional sobre o Estatut e as protestas laborais centraron as primeiras declaracións políticas do arranque da Diada, Día Nacional de Cataluña, deste ano.
O presidente do Parlamento, Ernest Benach, criticou as últimas decisións xudiciais que permiten á Falange manifestarse en Arenys coincidindo co referendo, e pediu novamente "unidade" á hora de defender o Estatut.
O alcalde de Barcelona, Jordi Herdeu, pola súa banda, rexeitou con contundencia que se poida facer na capital catalá unha consulta popular como a do domingo, e dixo que agora cómpre centrarse no Estaturt e na crise económica.
Precisamente, a crise foi a protagonista pola mañá durante a tradicional ofrenda ao monumento de Rafael Casanova. Arredor de 200 traballadores despedidos de Nissan e Roca manifestáronse xunto ao monumento e criticaron a xestión da crise que fai o Goberno.
Posteriormente, nun acto ante o Parlamento os ex-presidentes Jordi Pujol e Pasqual Maragall pedíronlle ao actual xefe do Executivo catalán, José Montilla, que defenda o Estatut con firmeza. Maragall mesmo reclamou un novo referendo se o Constitucional recorta o texto.
Manifestacións vespertinas
Xa pola tarde, diversas manifestacións percorren as rúas do centro de Barcelona. O presidente do Barça, Joan Laporta, encabeza a manifestación pola independencia convocada por Sobirania i Progrés, a Plataforma pel Dret de Decidir e Deumil.cat baixo o lema Som una nació, volem un estat propi ("Somos unha nación, queremos un estado propio")
As outras dúas marchas están convocadas por Esquerra Independentista (CUP, Endavant, CAJEI, Maulets, SEPC e Alerta Solidària), baixo o lema Unitat Popular cap a la Independència i el Socialisme ("Unidade Popular cara á Independencia e o Socialismo"); e por ERC, que o fai a prol do manifesto Estem construint un estat propi ("Estamos a construír un estado propio".