“Convers-ando” propón un percorrido a pé pola Mariña para "cambiar a mentalidade sobre o galego de forma participativa e creativa".
En xullo deste ano, un grupo de persoas de diferentes ámbitos convocáronse a través do correo electrónico e as redes sociais para crear un “laboratorio de ideas e accións” do que saísen novas propostas para cambiar a mentalidade negativa de parte da sociedade de cara ao galego. A iniciativa foi bautizada como “Cambia Galicia”. A vindeira fin de semana pon en marcha a súa primeira acción: “Convers-ando”, tres días na Mariña de Lugo para camiñar, parolar e establecer un debate arredor da lingua galega.
“Convers-ando” desenvolverase entre o 18 e o 20 de setembro, e mesturará percorridos a pé con actividades na rúa. O sábado cubrirase andando a distancia entre Ribadeo e Vilanova de Lourenzá, e o domingo entre Lourenzá e Mondoñedo. O colectivo presenta a camiñada como unha marcha pola lingua sen pancartas nin slogans, na que o importante é o contacto entre as persoas. Unha oportunidade de “botar a lingua a pacer” para amosar que “o galego é a nosa casa”.
As xornadas completaranse con actividades na rúa polas tardes, o venres 18 en Ribadeo, o sábado 19 en Lourenzá e o domingo 20 en Mondoñedo. As actividades están abertas ás propostas que cheguen, e inclúen xogos, teatro de rúa, faladoiros nos que recoller impresións sobre a importancia do galego e un mural para expresar mensaxes positivas arredor da lingua. “O obxectivo é animar á xente a que se exprese e establecer un debate arredor do galego”, sinalan desde a iniciativa.
Esta primeira acción do colectivo “Cambia Galicia” pretende ser un test para avaliar como enfocar as súas seguintes actuacións. Queren chegar coas súas propostas a todo o país, e de forma especial ao ámbito urbano. “Hai outras plataformas que traballan no simbólico, e iso é importante, pero o que busca esta iniciativa é establecer un diálogo directo coa xente, desde a base e a longo prazo”, explican.
Programa de “Convers-ando”:
- Venres 19 de setembro: a partir das 17.00 horas, actividades na praza do Mercado en Ribadeo.
- Sábado 20 de setembro: saída de Ribadeo ás 9 da mañá e camiñada ata Vilanova de Lourenzá. A partir das 17.00 horas, actividades na explanada do mosteiro de San Salvador de Lourenzá
- Domingo 21 de setembro: saída de Lourenzá ás 8 da mañá e camiñada ata Mondoñedo. A partir das 14:00 horas, actividades na praza do Concello de Mondoñedo.