Comeza en Redondela a nova tempada, en que fai a súa aparición a Conferencia Centro ou “Zona Estornela”.
A Liga Nacional de Billarda segue avanzando na súa invasión deportiva do país. Este sábado 12 de setembro empeza a nova tempada 2009-2010, e a LNB consegue aquilo ao que aspiran todos os partidos políticos: conquistar o centro. A Conferencia Centro, tamén chamada “Zona Estornela” convértese na cuarta conferencia da liga.
Baixo o lema “Billarda 3millóns”, a nova tempada da LNB quere “chegar aos tres millóns e pico de galegos e galegas, deixando o pico para deportes minoritarios e agresivos coa o fútbol e o golf”. Na nova liga aumentan os equipos participantes, e todas as conferencias adoptarán o mesmo sistema de puntuación. Cada torneo será un aberto con sistema de eliminatorias, no que a participación é libre e se puntúa segundo a posición acadada na xornada.
A mecha da nova tempada préndea este sábado a Conferencia Sur. Desde as 16.30 horas na Alameda de Redondela xogarán o primeiro aberto puntuábel, no que se prevé a participación de arredor de 80 palanadores e palanadoras. O torneo forma parte da programación da VI Foliada Galiza-Cataluña, que se celebra esta fin de semana na vila redondelá.
A segunda tempada de liga na Conferencia Sur ten como favoritos aos Paquete Pinchas, actuais campións nacionais. Pero todo fai pensar que este ano non terán tan fácil lograr o triunfo pola presión dos aspirantes Almuinha de Marín e Faísca de Vigo, e de equipas emerxentes como Culombio e Treze Catorze. Tamén haberá que ter en conta conxuntos que se estrean na liga, como Os Currichos e os Pinchas Bravas, nacidos dunha escisión dos Paquete Pinchas.
Zona Estornela
Para ver empezar as demais ligas haberá que agardar un pouco máis. A Conferencia Norleste, a máis veterana, comeza o 27 de setembro en Vilamartín Pequeno. Para quentar motores xogarán o sábado 19 un torneo de pretempada en Burela: o Aberto do Bonito do Norte. A LNB está traballando para que alí se produza un encontro entre Galiza e Cabo Verde, o que sería o primeiro enfrontamento intercontinental da selección galega.
Na Conferencia Noroeste, con epicentro na Coruña, a liga comezará o 4 de outubro nos Mallos. Ese mesmo día arranca a Conferencia Centro na Pontraga, en Tordoia. A nova conferencia da “Zona Estornela” está impulsada polos Furabolos do Pino, e está confirmada a participación de equipos de Compostela, Conxo, Tordoia, O Pino e Bertamiráns, entre outras localidades.