Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Dous pobos, dúas culturas

Poesía mapuche con acento galego

Lúa de xemas frías é o nome da escolma poética bilingüe, en mapudungún e en galego, que se presenta este venres ás 20.00 horas en Ferrol.

Iria Ameixeiras - 14:15 11/09/2009
'Lúa de xemas fías' está escrito en mapudungún e traducido ao galego

'Lúa de xemas fías' está escrito en mapudungún e traducido ao galego

A escolma poética mapuche con tradución ao galego, Lúa de xemas frías, chega a Ferrol este venres. Xulio Valcárcel foi o encargado da edición deste poemario que será presentado na Galería Sargadelos ás 20.00 horas. A finalidade, segundo o poeta, é dar a coñecer “unha cultura oprimida e perseguida por chilenos e españois”.


A escolma poética, segundo Omar Contreras, presidente dos Comités de Solidariedade de América Latina (Cosal) en Galiza, ten como función principal dar a coñecer a situación do mapudungún, a lingua do pobo mapuche, coa súa poesía a nivel cultural e popular. Pretenden reclamar o recoñecemento de “identidade coma pobo e como minoría étnica do país”.

En 2008, o goberno chileno constituíu a Academia Nacional da Lingua Mapuche, unha nova arma para a protección da lingua mapudungún. Porén, o ex profesor latinoamericano asegura que Chile é o único país que non asinou o Tratado Internacional sobre os Dereitos dos Pobos Indíxenas. E Contreras engade: “antes a loita era parcial, agora loita todo o pobo”. 

Na presentación do acto van intervir Miguel Anxo Fernán Vello, director da editorial de Espiral Maior; Omar Contreras Flores, que fará unha análise política da historia deste pobo; e o escritor galego, Valcárcel. Ademais, vaise proxectar un documental que narra “a historia do pobo mapuche”, a reivindicación dos seus dereitos e terras. O presidente de Cosal revelou que no vídeo tamén hai declaracións de mapuches e de dirixentes da ONU que están atendendo ao seu conflito con goberno chileno.

O creador, poeta
Xulio Valcárcel nunha viaxe a Chile en 2004 coñece a xente que traballa coa poesía e toma como un reto persoal o apoio ao pobo mapuche. Ese ano, no curso dunha conversa cunha amiga de Pablo Neruda, sae á luz o tema da literatura chilena e con ela a poesía da rexión da Araucanía. Edmundo Moure, outro poeta chileno, confírmalle a existencia de escritores mapuches, e preséntalle ao seu amigo, Leonel Lienlaf, que fixo a tradución ao mapudungún do poema de Curros Enríquez, A Rosalía. A partir deste primeiro contacto vaise especializando no tema e pouco a pouco artella unha escolma poética bilingüe, que este ano cobra vida.

A expresión literaria dos pobos indíxenas maniféstase fundamentalemente na súa oralidade. É a expresión verbal das súas tradicións, rituais e relatos, o modo natural de transmitisión das ensinanzas, valores e crenzas espirituais. Xulio Valcárcel tiña en mente facer unha representación o máis ampla posíbel. Finalmente, chegouse a determinación de incluír un número significativo de poemas. Son poetas coñecidos que xa publicaron con anterioridade e que participaron noutros eidos literarios. Os autores desta escolma son Elicura Chihuailaf, Graciela Huinao, Cesar Millahuique, María Teresa Panchillo e Paulo Wirimilla.

A loita dun pobo
O pobo mapuche “é o único pobo aborixe non sometido polos españois e si sometido polos chileno” segundo explica Omar Contreras. Os grupos ubicados entre os ríos Bioblío e Toltén lograron resistir con éxicto aos conquistadores españois na chamada Guerra de Arauco, unha loita que durou 300 anos. Porén, esta zona era “apetecíbel para os chilenos debido ao seu ouro”.

Chile, despois da guerra do Pacífico, lanzouse a nunha campaña de control do sur do país. “Era unha guerra a sangue e lume”, sentenza o ex profesor chileno. Cando conseguiron dominar a parte sur e tomar posición instauráronse as colonias de europeos, nomeadamente alemáns e suízos, no sitio dos mapuches, un pobo máis comunitario ca comunista. Un pobo que nunca pagou tributos e que empregaba os recursos en función das necesidades.

Actualmente hai unha “relación fluída entre galegos e mapuches", afirma Valcárcel. Ademais deste libro bilingüe, presentado en maio na Coruña, por exemplo, a eurodeputada nacionalista Ana Miranda asesorará o partido nacionalista mapuche, Walmapuwen, que pretende presentarse nas próximas elección de Chile.


5/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: