Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A CATIUSCA DAS FESTAS

A romaría da Barca: un rito relixioso, un mito pagano

Muxía gastará un euro por visitante se se cumpren as predicións que vaticinan a chegada cen mil persoas á vila entre o 11 e o 14 de setembro

Iria Ameixeiras - 12:30 09/09/2009
Unha pasada edición da romaría da Barca de Muxía. Foto: concellomuxia.com

Unha pasada edición da romaría da Barca de Muxía. Foto: concellomuxia.com

Coma cada ano, e pese a crise económica, Muxía celebra a romaría da Virxe da Barca. Esta vila pesqueira da Costa da Morte é testemuña dun dos acontecementos festivos máis importantes de Galiza, que acolle a milleiros de persoas chegadas de todos os recunchos do país. As festas serán do 11 ao 14 de setembro.


Non importan as inclemencias meteorolóxicas ou os festexos veciños, a xente acode á Barca. Para Xesús Sar, presidente da comisión de festas, "o importante é que a música chegue a todos". Na romaría de Muxía "cando unha persoa vai por primeira vez, sempre volve". A xente pasa o día na festa. Carrexan con instrumentos para levar a cabo cadansúa romaría particular. O sábado cómpre ir camiñando desde a vila até o santuario, ateigado de xente e postos tradicionais. O encargado do pregón na anterior edición, o profesor de arte e crítico, Antón Castro, fai un reclamo aos "alalás e a pandeira que existía na época rosaliana". Para o alcalde, Félix Porto, trátase dun evento “especial” onde se “mestura o relixioso e o pagano”. A devoción por esta festa? Ninguén o pode explicar. 

Nesta vila de 5.600 habitantes, segundo datos do Instituto Nacional de Estatísticas, o presuposto para as actuacións da romaxe da Barca ascende a 100 mil euros. Malia as dificultades económicas, non se escatimou en gastos. O cartel dos festexos, presentado polo rexedor e polos membros da comisión, informa da actuación de dúas das orquestras máis populares de Galiza: a Orquestra París de Noia e a Olympus. Xesús Sar asegura que "aínda que non haxa orquestra, a xente ben igual" a esta festa de Interese Turístico Nacional, "pola traca ou para abalar a pedra". Para quen guste doutros estilos musicais tamén haberá charangas ou bandas. O pregón correrá a cargo do Doutor en Farmacia e profesor da Universidade de Santiago, Arturo Suárez Varela, e será o venres 12 de setembro.

Historia dunha romaxe
Muxía, a terra na que Rosalía de Castro se fixo romántica, acolle esta romaxe vinculada á peregriñación que ten as súas orixes no Medievo. Antón Castro asegura que esta festa conserva a tradición das romarías marianas, "podes sentir o sabor de fai un século". O escritor muxián recorda que nesta festa aínda se pode ver ao ofrecido que peregrina de xeonllos, ao que "pide coa melancolía dun tullido" e afirma que o camiño á Barca é unha continuación do compostelán. Isto é o que a fai máxica. Para os antigos, Fisterra non era só a vila, senón toda a comarca. No Códice Calixtino, a Barca de Muxía fai que a romaría teña sentido de fin de camiño.
 
A lenda da vila de Muxía vai ligada á existencia dun conxunto de pedras situadas na Punta da Barca, ás que Lorca dedicou o seu primeiro poema en galego, e ao culto de tipo máxico-relixioso que ao longo dos séculos se practicou cara elas. O conxunto de pedras deu orixe a ritos e creacións lexendarias precristiás que aínda hoxe perviven entre o pobo galego.

Pedras no mar 
A Pedra de Abalar é a peza principal deste museo natural, a rocha neolítica que fecundou ao pobo. Son moitas as propiedades que se lle atribúen. Foi considerada oráculo, así coma instrumento de mostra da culpabilidade ou inocencia das persoas. Os veciños desta vila da comarca fisterrá aseguran que cando a pedra abala soa é porque depara desgrazas. Este navío rochoso, que non deixou de abalar durante moitos centos de anos, foi desprazada do seu lugar primitivo no temporal de 1978. Vicente Risco contaba que durante a Guerra Civil a pedra nunca abalou. 

Mais, a Pedra de Abalar non está soa. Xunto esta, a Pedra dos Cadrís simboliza a vela da embarcación na que a Virxe apareceu. A súa forma de ril está ligada ás súas propiedades curativas para doenzas dos cadrís. Hai aínda outra pedra, a do Timón, polo seu parecido con este instrumento. A Furna dos Namorados é aquela na que as parellas se xuran amor eterno.


Ligazóns

4/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: