Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Música electrónica

A versión conceptual do “Merengue do porquiño”

O novo proxecto do músico inglés Matthew Herbert xira arredor do porco, aínda que cunha perspectiva diferente á da canción de Joselito.

Moisés Álvarez - 11:35 03/09/2009

“O meu nome é Matthew Herbert e este é o blog do meu porco”. Así anuncia o músico inglés, un dos nomes clave da música electrónica da última década, o seu novo proxecto para o 2010. Ao igual que Joselito, un dos participantes con máis éxito na última edición do “A polo ghit”, a figura do porco será o eixo do seu novo traballo discográfico. Pero mentres Joselito exaltaba no seu merengue as bondades gastronómicas do animal, Herbert propón un disco conceptual construído por completo con sons recollidos ao longo da vida dun cocho.

Matthew Herbert é un músico electrónico cunha traxectoria moi persoal. A súa música, editada baixo diversos nomes, moveuse desde mediados dos 90 entre o house, a música concreta e o jazz. Unha das súas marcas de identidade é a creación de música a partir de son captados na vida real. Así o fixo en 1998 no álbum “Around The House”, con obxectos de cociña, e no 2001 en “Bodily Functions”, desta volta cos sons de tecidos humanos, órganos internos e cabelos. Co nome de Radio Boy publicou “The Mechanics of Destruction”, un disco no que criticaba o sistema capitalista creando música a partir de botes de Coca-Cola, menús do McDonalds ou bidóns de petróleo.

Agora vaise centrar no ciclo vital dun porco de granxa. Explícao no blog do proxecto: “No 2010 farei unha gravación titulada 'One Pig'. Estará feita completamente con sons tomados durante a vida dun cocho. Estarei presente no seu nacemento, durante a súa vida, na súa morte e na carnicería”. O proxecto xa está en marcha: o porco elixido naceu o 15 de agosto, e Herbert estivo na granxa para gravalo.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: