Nintendo e Sony pretenden potenciar os usos das súas consolas alén dos videoxogos.
As consolas xa deixaron de ser aparatos destinados exclusivamente á práctica de videoxogos e comezan a se converter en dispositivos máis xenéricos de ocio multimedia, grazas á súa cada vez meirande capacidade. Dous dos principais fabricantes, Nintendo e Sony, están a dar pasos para diversificar as utilidades das súas consolas.
Por unha banda, Nintendo decidiuse a potenciar o uso da súa popular Wii para acceder á internet. Para iso, anunciou que ofrecerá de balde o seu navegador, o Wii Internet Channel, até agora de pago. Ademais, entre as novidades da nova versión está a actualización de Flash, que permitirá acceder a máis contidos. As persoas que xa pagaran polo navegador serán compensadas coa posibilidade de obter gratuitamente un videoxogo.
Por outro lado, Sony comercializará en outubro o teléfono Aino, que servirá, ademais, de mando a distancia da PS3 da marca xaponesa, e poderá reproducir arquivos gardados no disco duro da consola ou descargar contidos da plataforma Playstation.