Desde o BNG propoñen que o Goberno reclame a devolución das axudas aos medios por non cumpriren as obrigas contraidas.
Mïnima presenza do galego na prensa
Os últimos datos recollidos polo propio estudo realizado polo Observatorio da Lingua Galega, pertencente á Secretaría Xeral de Política Lingüística, son claros ao respecto do déficit de presenza do galego nos medios de comunicación do país. Malia as elevadas inxeccións económicas outorgadas con esa presunta fin, o espazo que as informacións escritas en galego teñen na prensa escrita en Galiza non pasa dun 4,6% e a porcentaxe é apenas un chisco maior se incluímos na avaliación a publicidade en galego.
"Mesmo hai medios que utilizaban máis o galego hai trinta anos que agora", láiase Bieito Lobeira, voceiro en materia de Lingua do grupo parlamentario do BNG. Lobeira comenta con preocupación o feito de que mesmo moitos xornais non lle conceden espazo ao galego cando as declaracións das fontes ou as respostas do entrevistado se realizan nesta lingua, nin sequera cando o entrevistado o solicita expresamente. "O ou figuran en español ou non hai información, unha actitude moi democrática", ironiza.
Alén do incumprimento, posicións "contrarias" á lingua
Neste contexto, o BNG propón que a Xunta realice unha avaliación continua da situación e que reclame a devolución dos subsidios outorgados no seu caso "por incumprimento reiterado das obrigas deses medios". Logo de rexistrar a iniciativa parlamentaria onde expón esta petición, o deputado nacionalista afirmou ademais que incluso "os que máis axudas reciben, manteñen un comportamento perante o idioma abertamente contrario" aos criterios estabelecidos. "Mesmo en ocasións fan un combate aberto á identidade do noso país", reprochou.
Non é a primeira vez que o BNG denuncia o irregular sistema de axudas aos medios por uso do galego. Nas críticas ao esquema actual teñen insistido tamén desde o Colexio de Xornalistas e o Sindicato de Xornalistas.