"Se as cousas transcorren con normalidade estarei arriba na xeral". Seguro de si mesmo neste 2009 o de Teo, que hai un ano xa finalizou cuarto a competición.
Ezequiel Mosquera
Con cóxegas no estómago desde o día en que puxo os pés nos Países Baixos, onde de xeito inédito comeza este ano a edición 2009 da Vuelta a España, admite sentirse o líder do equipo ciclista Xacobeo Galicia. "Durmo ben e non teño maiores problemas pero esa cousiña no estómago si que empecei a notala", comentou Ezequiel Mosquera.
Este sábado a Vuelta comeza cunha etapa prólogo onde, en apenas cinco quilómetros, non se agardan grandes diferencias. O ciclista do Xacobeo Galicia ve máis comprometida a segunda etapa, a do domingo. "Dixéronme que sopra moito o vento e que discorre por estradas moi estreitas e será necesario estar moi atentos e o máis adiante posible para tratar de evitar sorpresas", advirte.
Logo de varias edicións lambendo o podio da Vuelta e con espectaculares actuacións, o Xacobeo ten claro este setembro de 2009 o obxectivo co que saltará ás estradas: a procura dun posto entre os tres primeiros ao final da competición. Cuarto na clasificación xeral final na edición do ano pasado, Ezequiel Mosquera quere subir un novo chanzo desta vez. E o director deportivo do Xacobeo Galicia, Álvaro Pino, advirte sobre a boa forma do ciclista de Teo: "Non renunciamos de antemán a ningún dos banzos do podio". O equipo achegou este mesmo martes a lista completa dos ciclistas preseleccionados para rodar as estradas coas cores do Xacobeo na Vuelta. Así, o "nove" definitivo intégrano Ezequiel Mosquera, David García, Gustavo C. Veloso, Gustavo Domínguez, Serafín Martínez, Gonzalo Rabuñal, David Herrero, Alberto Fernández e Eduard Vorganov.