Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
O venres comeza Titirideza

O Museo Galego da Marioneta busca financiamento para unha nova sede

En Lalín sobrevive en malas condicións a única exposición permanente sobre monicreques de Galiza, con máis de 300 pezas.

Moisés Álvarez - 17:30 27/08/2009

Lalín podería ser a capital dos monicreques. Ten dous compañías consolidadas, Viravolta e Seisdedos; dous festivais, Titirideza -que se celebra esta fin de semana- e Titirientroido e unha exposición permanente con mais de 300 monicreques. Pero o Museo Galego da Marioneta atópase nun local pequeno e mal acondicionado que non se pode visitar sen cita previa. Viravolta busca agora mellorar esta situación e implicar ao Concello na ampliación do museo.

O Museo Galego da Marioneta é froito da paixón de Anxo García, Pilar Álvarez e Xulio Balado, os tres compoñentes de Viravolta Títeres. Desde que fundaron a compañía en 1982 foron xuntando monicreques, documentos e outros materiais relacionados co mundo das marionetas que amosaron nunha exposición en 1998 en Lalín. Ese foi o punto da partida para a creación do museo, que eles xestionan e do que é propietario o Concello, que abriu as portas en decembro de 2001.

Máis de 300 pezas
O museo conta con máis de 300 monicreques e outros materiais, aínda que nos últimos anos a colección apenas medrou. No museo atópanse por unha banda pezas “do pouco que se puido recuperar da historia da marioneta galega”, explica Anxo García, tanto de compañías desaparecidas como doutras en funcionamento. Alí están un monicreque de luva empregado por Barriga Verde, e figuras dos grupos que marcaron a recuperación da marioneta galega a partir de finais dos 70, como Sapoconcho, Kukas, Tanxarina ou os propios Viravolta.

Por outra banda a colección inclúe marionetas de todo o mundo, nun apartado no que prima o interese etnográfico. Hai unha ampla variedade de técnicas de representación e de procedencia das pezas: Birmania, Xava, Turquía, Estados Unidos, República Checa, India ou as peculiares marionetas de auga de Vietnam. Viravolta xestiona ademais a única biblioteca do Estado dedicada en exclusiva aos monicreques, con máis de 2 mil documentos, entre libros, carteis, programas e vídeos.

Mellorar as condicións
A de Lalín é unha das poucas coleccións visitábeis dedicadas á marioneta na Península. Quen queira ver outra exposición destas características terá que achegarse ao Museu da Marioneta de Lisboa ou ao Museu Internacional de Titelles d'Albaida, en Valencia. “Nós entendemos que ao museo non se lle dá a importancia que ten”, afirma Anxo García. “A xente que nos visita lamenta que pareza abandonado e estea nun local en malas condicións”. Na actualidade o museo só abre para visitas previas concertadas. Para o membro de Viravolta, “non se están a aproveitar as potencialidades turísticas e pedagóxicas que ten o museo”.

Anxo García cre que precisa dunha sede máis ampla e mellor acondicionada. En Viravolta queren abrir unha nova etapa no museo, “pero iso require colaboración. Nestes momentos estamos en conversas co Concello para amplialo”. Por agora agardan resposta. O alcalde de Lalín, José Crespo, situou a creación dun novo Museo Galego da Marioneta entre as propostas que trasladou ao conselleiro de Cultura, Roberto Varela.

Titirideza comeza este venres
E mentres non chega a ampliación que permita gozar plenamente da colección de Viravolta, a compañía segue a levar os teatriños ás rúas da vila. Do venres 28 ao domingo 30 de agosto celébrase a oitava edición de Titirideza, centrada de novo nas compañías galegas. O venres actúa Babaluva, o sábado fano Cachirulo e Trécola e o domingo A Xanela do Maxín e Os Quinquilláns cerran o programa. “A nosa pretensión é que o Titirideza sexa algo así como o congreso galego sobre monicreques, pero as restricións do orzamento deste ano non nos permitiron programar charlas e mesas de debate”, comenta Anxo García.


Ligazóns

5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: