Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Aínda que critica a Italia polos sucesos

O Tribunal Europeo evita condenar o asasinato de Carlo Giuliani nas protestas ao G8 en 2001

A Corte Europea de Dereitos Humanos acepta a versión das autoridades italianas e sentenza que o policía disparou actuando "en lexítima defensa".

Redacción - 13:00 27/08/2009

Oito anos despois dos graves sucesos acontecidos durante as protestas polo cumio do G8 na cidade italiana de Xénova, e que remataron coa morte do mozo Carlo Giuliani, o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos fai pública unha polémica sentenza.

Dunha banda, os xuíces aceptan a versión defendida pola administración italiana, na que se xustifica a actuación da policía e se considera que o policía responsábel do disparo que acabou coa vida do rapaz non fixo uso excesivo da forza senón que, opinan en Estrasburgo, "actuou en lexítima defensa". Rexeitan así os argumentos da familia do falecido contra o Estado italiano acerca dos sucesos nos que, ademais da morte de Giuliani, houbo máis de douscentos feridos e outros tantos arrestados, moitos dos cales denunciaron agresións por parte da policía. De feito, a finais de 2008 un xulgado italiano xa resolvera en contra dunha ducia de axentes policiais, atopándoos culpábeis de bater con violencia sobre manifestantes.

Por outro lado, a Corte europea admite "erros de planificación" e insuficiente seguridade pública. Por este motivo, estabelece unha compensación de 40 mil euros para a familia de Carlos Giuliani. O tribunal europeo tamén subliña que Italia "non cumpriu coas súas obrigas procesais" en relación a esta morte. Así por exemplo, repróchase que o funcionario encargado da investigación autorizase a cremación do corpo do mozo logo dunha investigación moi limitada e sen realizar análises apropiadas.

Para ampliar:


1/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: