Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Con poucas axudas

A Mostra de Teatro resiste en Cee

Para o seu director, Artur Trillo, “as administracións non valoran o esforzo dos que organizan eventos culturais de forma desinteresada”

Redacción - 12:00 26/08/2009

Poucas vilas poden presumir de manter durante máis de dúas décadas un festival de teatro. Cee si. Desde o venres pasado até o próximo domingo, a localidade da Costa da Morte acolle a 22ª Mostra, con funcións teatrais, contadores de historias e espectáculos de rúa. Pero a deste ano é unha edición especial, aínda que non para ben. A Consellaría de Cultura retirou a súa axuda económica, o que obrigou ao equipo de Talía Teatro a traballar coa metade do orzamento e deseñar unha programación de circunstancias.

Dos arredor de 20 mil euros que achegaba a consellaría, nun ano pasou a cero. O director da mostra, Artur Trillo, explica que a falta de contribución de Cultura supuxo un atranco. “A consellaría argumentou que as partidas orzamentarias estaban esgotadas. Como pode ocorrer isto á altura de agosto?” pregúntase escéptico, e engade que “o positivo é que o director xeral de Promoción e Difusión da Cultura comprometeuse a apoiar a mostra nos próximos anos”.

Seguimento masivo do público
Non é a primeira vez nos seus 22 anos de historia que a mostra topa coa incomprensión das institucións. “Sempre hai algunha administración que pon pedras no camiño. En todo este tempo só tivemos unha situación normal en catro ou cinco edicións”. Trillo cre que certas propostas culturais ás administracións non lles preocupan en absoluto: “non se valora o esforzo da xente de a pé que organiza eventos de forma desinteresada e con vocación altruísta. Moitas veces temos a sensación de que ao axudar ao financiamento da mostra pensan que nos están facendo un favor”.

Aínda así, o festival mantén a súa puxanza ano tras ano, asentada no seguimento masivo por parte do público. Cunha escola de teatro, varios grupos e programación de funcións ao longo do ano, en Cee hai máis dun cento de persoas que fan teatro habitualmente.

Unha teima de 22 anos
“Organizamos esta mostra desde hai 22 anos porque somos moi teimudos”, explica Artur Trillo. “O teatro é o noso medio de vida, a mostra é o fillo parvo de Talía Teatro e temos que coidar del”. A compañía concibe a mostra como un escaparate para os seus veciños: “Sentímonos responsables da educación teatral da vila e queremos transmitirlle aos veciños a nosa paixón”.

Os últimos días da mostra gardan un bo número de actuacións interesantes. Arela Miúda pon en escena para os máis pequenos “O recuncho de Anabel”. Paula Carballeira conta por partida dobre, unha vez para os nenos e outra para os adultos. Carrachanacacha leva o mércores ao salón de actos do Concello “Comendo pementos de Padrón con Tarantino”; o xoves estarán alí Cámara Negra con “Brand” e o venres Talía Teatro con “Valentino Rufini e Âkil Pillabán, de viaxe a Milán”. A programación péchana Ruso Negro co seu concerto de canción lixeira italiana “Fratelli Negroni: Swing e Mentiras”.


Ligazóns

4/5 (4 votos)

Novas relacionadas


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: