O acordo do goberno Uribe para fixar bases militares norteamericanas en territorio colombiano semella facer imposíbel o diálogo entre Caracas e Bogotá.
As malas relacións entre os executivos de Chávez e Uribe convertéronse nas últimas semanas en pésimas. Este mesmo martes, o presidente venezolano aseguraba que Venezuela xa traballa nun escenario de total ruptura de relacións co país veciño. Esta vez, no cerne do conflito, está a decisión de Bogotá de autorizar o establecemento de bases militares en territorio colombiano.
Nunhas declaracións televisadas, Chávez afirmou que “a burguesía colombiana ódianos e xa non hai aquí a posibilidade dun retorno ou dun abrazo, esas sete bases 'ianquis' son unha declaración de guerra contra a Revolución”. A continuación, ao presidente venezolano non lle tremeu a voz á hora de cualificar de “narcoestado” a Colombia e acusou a Uribe de non estar interesado en rematar co tráfico de drogas.