Un documental e un concerto lembran que hai tres décadas pasaron pola vila do Morrazo os principais músicos de jazz de Europa.
As cidades portuarias foron ao longo do pasado século xerme de estilos musicais. Nova Orleáns, Bos Aires, Liverpool, Lisboa... Incluso o porto pesqueiro dunha vila pode ver medrar unha pequena revolución musical. Foi o caso de Cangas, onde entre 1979 e 1982 mariñeiros e progres se xuntaban en dous garitos para escoitar algúns dos mellores músicos de jazz de Europa.
Durante tres anos, Cangas foi o epicentro do jazz en Galiza. Tres décadas despois, Xes Chapela recupera aquel momento histórico no documental Jazz en liberdade, producido por Matriuska. Estes días remata a gravación, mentres un concerto o venres 21 levará de novo ao Morrazo aos músicos que naqueles anos pasaron pola vila.
Jazz para mariñeiros
Cando en 1979 Moncho Rodríguez montou o local “Jazz Vivo”, en Cangas non había músicos de jazz nin tradición neste estilo. Pouco despois Tomás Fandiño abriu o “Iraquere”, e ambos os dous comezaron a programar concertos. Ao pouco crearon o primeiro festival de Cangas, e a base de entusiasmo e forza de vontade, colocaron Cangas no mapa do jazz europeo.
“Moncho viña dunha familia con bateas e traballaba nunha tenda de discos en Vigo cando montou o local. Con vinte e poucos anos contactaba persoalmente cos músicos, que chegaban a Cangas e desde aquí facían percorridos por outros puntos de Galiza”, explica Xes Chapela. Na vila non había un público de jazz, pero este creouse rapidamente. “Viña xente progre e con inquedanzas musicais da área de Vigo e de toda Galiza. O curioso é que tamén acudían moitos mariñeiros que non tiñan coñecementos de jazz nin de música en directo, pero que co tempo empezaron a apreciar as diferencias e comparar os estilos duns e doutros músicos”, engade o director do documental.
Por Cangas pasaron músicos de Portugal, Cataluña, Madrid, Canadá, Alemaña. Eslovenia ou Xapón. Moitos deles están de novo estes días na vila recordando aqueles anos. Max Sunyer volveu a Barra para lembrar cando os veciños, comandados polo cura, botaban aos primeiros nudistas da praia. Peter Delphinich lembra as 22 horas que lle levou chegar en tren desde Barcelona e como as carencias no Festival de Jazz do Morrazo se suplían con entusiasmo.
Encontro de dúas xeracións
Trinta anos despois, estes dous músicos participan nun concerto conmemorativo que une os artistas daquela xeración cos novos creadores do jazz galego. Por unha banda, Zlato Kaucic, Dave Pybus, Salvador Niebla ou Jorge Pardo. Por outra, Abe Rábade, Paco Charlín, Javier Pereiro ou Santi Quintáns.
Tamén estarán no concerto Xan Campos e Iago Fernández, dous músicos novos de jazz que naceron no Morrazo logo de que aquel esplendor esmorecera. Eles son o fío condutor do documental, que os achega a un momento que marcou o presente do jazz en Galiza. O Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra naceu en Cangas da man de Luis Carballo, Rábade e Charlín. O propio Carballo dirixe desde o 2001 o Canjazz, herdeiro directo daquel primeiro festival. E unha xeración de músicos á que pertencen Campos e Fernández agromou na comarca.
Jazz en liberdade remata de gravarse este domingo. A finais de verán o documental estará rematado e permitirá achegarnos cos ollos dos seus protagonistas ao tempo no que Cangas era porto de jazz.