Ducias de incidentes violentos en todo o país durante a xornada e arredor de medio cento de mortes.
Non se coñecerán os resultados finais destas eleccións até o próximo 17 de setembro, aínda que haberá avance de resultados parciais en poucos días, segundo a Comisión Electoral afgá. Malia iso, desde o equipo de campaña do presidente en funcións, Hamid Karzai, xa proclamaban nas últimas horas a vitoria do candidato, asegurando mesmo que non sería necesaria unha segunda volta xa que Karzai tería superado o 50% dos apoios.
A avaliación do equipo de observadores de Karzai foi cualificada de falsa polo equipo do principal rival, Abdulá Abdulá. De feito, as primeiras avaliacións non oficiais realizadas por medios locais falan dun empate entre Karzai e Abdulá nunha ducia de puntos clave do país. O primeiro sería o máis votado nas zonas ao sur da capital, Kabul, e o segundo estaría por riba nas áreas ao norte.
Por outro lado, e malia a censura imposta por decreto sobre os medios de comunicación para a cobertura dos incidentes violentos durante os últimos días e na propia xornada electoral, transcenderon máis dun cento de conflitos e enfrontamentos en diversos puntos de Afganistán. Algunhas informacións falan de arredor de medio cento de mortos nestes sucesos, estando confirmadas cando menos dúas ducias de falecidos. Sobre 300 mil efectivos de seguridade foran despregados en todo o país en máxima alerta: 64 mil soldados da OTAN, 36 mil estadounidenses e 200 mil policías e soldados afgáns.
Recomendámoslles a última hora na BBC e en Al Iasira.