Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Castro Caldelas, Cariño, Vilalba, Meis...

Traca final de festivais

Polo sur, polo norte e polo interior, a fin de semana vén cargada de citas co rock e o folk que apuran os últimos días de agosto. Mapa no interior.

Redacción - 12:15 21/08/2009
Skarnio na pasada edición do Festidoiro (Cuntis)

Skarnio na pasada edición do Festidoiro (Cuntis)

Esta fin de semana todo o mundo ten un festival cerca de casa. Achégase o final de agosto e unha ducia de localidades programan os seus certames musicais, nos que collen o folk, rock, jazz, indie, charanga e todo tipo de xéneros.

Os que anden polo sur poden achegarse a Cangas ao remate do Canjazz ou ir vibrar ao Hío con Berrogüetto e Ruxe Ruxe. Love of Lesbian e os vigueses The Blows son as cabezas de cartel do Dolorock do Mosteiro (Meis), e no Festidoiro Kogito, Skacha e demais convidan a ir choutar a Cuntis. A música tradicional homenaxea aos grandes da gaita na Festa do Gaiteiro de Soutelo de Montes, na que estarán os Diplomáticos do Acordeón e PaidaCana, entre outros.

As posibilidades para os que se movan polo norte son igual de variadas. Aos que lles tire a música dura, que busquen Cariño; alí o Ortegal Rock ofrécelles unha boa ración con grupos como Konflikto e Reincidentes. Aos máis folkies prestaralles máis achegarse ao Festival Irmandiño de Moeche, con Mallacán, Bellonmaceiras Quinteto e Lamatumbá, ou ao Festival Folk de Guísamo, no que tocan Ca Lúa, Triquel e Gwendal. En Celeiro de Mariñaos, na Mariña, preparan a festa total: no San Caetano caben o folk, a música brasileira, a verbena e a exhaltación gastronómica. E a tribo indie é reclamada no FIV de Vilalba por Juan Rivas e The Pinker Tones.

A Ribeira Sacra e a súa contorna convértense no epicentro dos bos festivais. Os que anden por esas terras teñen onde escoller. Castro Caldelas ataca co Ponte Louco, dous días de actividades culturais e actuacións como as de Cé Orquestra Pantasma e O Sonoro Maxín. En Pantón o Festival do Castro propón pasarrúas, xogos tradicionais e un cartel de luxo con Som do Galpom, Festicultores ou Dios Ke Te Crew. En Monforte chega á súa recta final o certame de jazz Novas Músicas. E O Incio resérvase o domingo para poñerlle remate á fin de semana de festivais; no Terra Brava soarán Cuchufellos e Tanto Nos Ten.

Non só festivais
As posibilidades musicais da fin de semana non se esgotan cos festivais. O venres Nacho Vegas actúa no Náutico do Grove, Revólver en Ferrol e Chotokoeu e Sound System na Coruña. E o sábado 22 hai unhas cantas opcións notables: Mercedes Peón en Nigrán, Josh Rouse no Grove, Violadores del Verso en Ferrol, e Fanfare Ciocarlia e Aló Django no Festival dos Abrazos en Santiago de Compostela.
Ver Festivais 21 a 22 de agosto nun mapa máis grande



19 a 21 de agosto, Cangas do Morrazo. Canjazz.
Venres 21: Concerto 30 anos de jazz en Cangas.

19 a 22 de agosto, Monforte de Lemos. Novas Músicas.
Venres 21: Antonio Serrano & Federico Lechner.
Sábado 22: Félix Rossy Quinteto.

21 e 22 de agosto, Castro Caldelas. Ponte Louco.
Venres 21: Cé Orquestra Pantasma, obradoiros, contancontos, teatro e curtametraxes.
Sábado 22: O Sonoro Maxín, Bodega Bodega, Fabulosos Cubatas Focking Brothers, contacontos, monicreques, e maxia.

21 e 22 de agosto, Cariño. Ortegal Rock.
Venres 21: Bon a Chic, Al Vies e Gansos Rosas.
Sábado 22: Konflikto e Reincidentes.

21 e 22 de agosto, Chantada.
Venres 21: rock con Emet, Indana e Alén.
Sábado 22: Folión de Carros.

22 de agosto, Mosteiro (Meis). Dolorock.
Love of Lesbian, Niños Mutantes, Nudozurdo, The Blows, Eme Dj e Chema Rey Dj.

22 de agosto, Soutelo de Montes (Forcarei). Festa do Gaiteiro.
Diplomáticos do Acordeón, Xarín, Muntenrohi, PaidaCana, O Fiadeiro, Banda De Gaitas Municipal de Forcarei.

22 de agosto, Vilalba. FIV: Festival Independente de Vilalba.
Juan Rivas, The Pinker Tones, Cornelius 1960 e Javier Rial + Lelé.

22 de agosto, O Hío (Cangas). Festa Folc de Vilariño.
Os Carunchos, Berrogüetto, Quempallou e Ruxe Ruxe.

22 de agosto, Cuntis. Festidoiro.
Kogito, Skacha, Machina, Spooner Street, Vichelocrego e Sacaquedoe & Friends.

22 de agosto, Moeche. Festival Irmandiño.
Mallacán, Lamatumbá, Bellonmaceiras Quintento, Saraibas & Balakandra, xogos populares, exposicións, obradoiros infantís e asalto ao castelo.

22 de agosto, Guísamo (Bergondo). Festival de Folk de Guísamo.
Ca Lúa, Triquel, Gwendal, xogos tradicionais e obradoiros infantís.

21 e 22 de agosto, Celeiro de Mariñaos (Barreiros). San Caetano 2009.
Venres 21: Renato Spencer con Café Caxaça, Tumba e Dalle, verbena, torresmada e chourizada.
Sábado 22: Os Minhotos, clown, verbena e festa da tortilla.

22 de agosto, Pantón. Festival do Castro.
Aira da Pedra, Cuchufellos, Festicultores, Som do Galpom, Dios Ke Te Crew, Os Veraneantes, Treboada do Baixo Miño, teatro, artesanía e birlos.

23 de agosto, O Incio. Terra Brava.
Cuchufellos, Cé Orquestra Pantasma, Tanto Nos Ten e Arandela.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Juan Rivas toca no FIV, Festival Independente de Vilalba

Som do Galpom actúa no Festival do Castro, en Pantón