Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
OS PACTOS NOS CONCELLOS PEQUENOS

Portomarín: “Deus é bo pero o demo tampouco é malo”

As pésimas relacións entre socialistas e nacionalistas fan tremer un goberno local que naceu feble.

Redacción - 13:20 20/08/2009

Na década dos sesenta o municipio de Portomarín fíxose tristemente famoso pola construción dun encoro que obrigou a centos de persoas a abandonar os seus fogares. A noticia este agosto son as pésimas relacións que teñen socialistas e nacionalistas neste consistorio. A crise é de tal entidade que a alcaldesa, Silvia Rodríguez (PSdeG), asegurou ter indicios de que o Bloque local negocia cos 'populares' para presentar unha moción de censura.

Ubicado no extremo sur da comarca de Lugo, Portomarín é hoxe un concello grande en extensión (115 quilómetros cadrados) pero pouco habitado (1.800 viciños). En maio de 2007, as urnas déronlle catro postos na corporación ao PPdeG, tres ao PSdeG e dous ao BNG. A maioría absoluta dos conservadores saltaba polo ar.

Que non había moi boa sintonía entre socialistas e nacionalistas xa quedou claro ás poucas semanas dos comicios. O Bloque facilitou cos seus votos a investidura da alcaldesa socialista pero non entrou no goberno local até xullo de 2008. O nacionalista Xesús López converteuse daquela en tenente de alcalde.

Esta semana, tanto a alcaldesa coma o tenente de alcalde recoñeceron publicamente que as relacións non son boas. Silvia Rodríguez considera que Xesús López negocia por detrás co PP unha moción de censura na súa contra. López negou que existisen tales negociacións pero bótalle a culpa aos socialistas da crise.

O reparto de responsabilidades enfronta aos socios

Vieiros púxose en contacto este mesmo xoves coa alcaldesa de Portomarín. Logo da treboada, Silvia Rodríguez afánase en dicir que os medios están a amplificar o conflito político. Porén, inmediatamente despois recoñece que hai diferenzas importantes entre os dous socios de goberno. Unhas das súas frases dá idea de cal pode ser a orixe da crise: “Nun concello tan pequeño repartir todo en dúas grandes áreas é un pouco esaxerado”.

Aínda que intenta sacarlle ferro ao acontecido, Rodríguez confirma que tivo chamadas da dirección nacional do PSdeG para interesarse polo que estaba a acontecer e que “a dirección provincial xa hai tempo que coñece a situación”.

O PP asegura que o pacto foi imposto no seu día dende Santiago


Mentres que o goberno local treme, o PP local agarda acontecementos. O seu voceiro, Juan Serrano, afirma que a coalición entre socialistas e nacionalistas existe porque no seu momento presionaron as direccións nacionais das dúas organizacións: “Isto non é a Xunta. Isto é un municipio onde todos nos coñecemos e o importante é mirar polo concello. O problema é que hai partidos que teñen imposicións dende arriba”. Como proba do anterior, Serrano lembra que o número dous do BNG, Xermán Souto, presentou no seu día a súa dimisión como concelleiro.

Dende o PP recoñecen que hai “conversas normais” co Bloque pero subliñan que non contemplan a posibilidade dunha moción de censura, “a non ser que haxa unha situación extraordinaria”. Aínda que Serrano non o di abertamente, esa situación podería darse se os socialistas quedan en clara minoría e non son quen de sacar adiante cuestións básicas como un orzamento.

Aínda que dende as direccións de PSdeG e BNG reiteran habitualmente que os pactos funcionan e son necesarios para estruturar unha alternativa ao PPdeG, tamén é certo que as peculiaridades de cada municipio dificultan uns pactos deseñados en clave nacional. Portomarín parece confirmar o refrán de que “Deus é bo pero o demo tampouco é malo” ou o que é o mesmo: a realidade ás veces non segue o guión.


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: