Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Bens de Interese Cultural

Quince xacementos romanos aspiran a ser declarados BIC

Cultura inicia os estudos para darlles a máxima protección a campamentos, minas e vilas de época romana.

Redacción - 19:05 18/08/2009
Campamento romano de Aquis Querquennis, en Bande

Campamento romano de Aquis Querquennis, en Bande

A Consellaría de Cultura e Turismo publicou o luns no Diario Oficial de Galicia o anuncio para licitar os estudos previos para a declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) de quince xacementos de orixe romana. Son campamentos militares, complexos mineiros e vilas, situados principalmente no rural.

Os xacigos que van ser estudados son os seguintes: 

  • campamento Romano de Cidadela (Sobrado dos Monxes);
  • vila romana de Noville (Mugardos);
  • vila romana de Castillós (Pantón);
  • complexo mineiro de Montefurado (Quiroga);
  • complexos mineiros da Toca, Torubio e Romeor (Folgoso do Courel);
  • xacemento romano de Area (Viveiro);
  • campamento e mansio viaria de Aquis Querquennis (Bande);
  • xacemento de Ouvigo (Os Blancos);
  • Santa Marta de Lucenza (Cualedro);
  • xacemento arqueolóxico de Adro Vello (O Grove);
  • vila romana de Toralla (Vigo);
  • vila romana de Fafián (Rodeiro);
  • e o xacemento romano da Lanzada (Sanxenxo).

Poucos bens arqueolóxicos coa máxima proxección
Os estudos que agora se licitan servirán para recadar os datos técnicos necesarios para valorar a inclusión destes bens na listaxe de BIC. Ata agora son moi poucos os bens de orixe romana que forma parte desta relación. Só algunhas pontes, a muralla de Lugo, as Burgas, Santa Eulalia de Bóveda e a torre de Hércules teñen o grao máximo de protección.

Estas carencias non só afectan aos restos da romanización, senón en xeral aos bens arqueolóxicos. Para mellorar esta situación, o anterior equipo de Cultura iniciou os estudos para declarar BIC un bo número de castros, cámaras megalíticas e petróglifos, nun procedemento que continúa aberto e ao que agora se suman os restos romanos.

Na relación de bens para os que se encargan os estudos non aparecen algúns dos xacementos da época galaico-romana máis sobranceiros do país. É o caso da mansión de Baños de Riocaldo, en Lobios e de dous espazos musealizados recentemente: o xacemento arqueolóxico de Cambre e as salinas romanas de Vigo.


4,42/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: