O equipo ciclista, con Ezequiel Mosquera como "líder indiscutíbel" busca este ano praza no podio da Vuelta a España.
Ezequiel Mosquera
Logo de varias edicións lambendo o podio da Vuelta a España e con espectaculares actuacións, o Xacobeo ten claro este setembro de 2009 o obxectivo co que saltará ás estradas: a procura dun posto entre os tres primeiros ao final da competición. Cuarto na clasificación xeral final na edición do ano pasado, Ezequiel Mosquera quere subir un novo chanzo desta vez. E o director deportivo do Xacobeo Galicia, Álvaro Pino, advirte sobre a boa forma do ciclista de Teo: "Non renunciamos de antemán a ningún dos banzos do podio".
O equipo achegou este mesmo martes a lista completa dos ciclistas preseleccionados para rodar as estradas coas cores do Xacobeo na Vuelta. Así, o "nove" definitivo intégrano Ezequiel Mosquera, David García, Gustavo C. Veloso, Gustavo Domínguez, Serafín Martínez, Gonzalo Rabuñal, David Herrero, Alberto Fernández e Eduard Vorganov. Alén da loita pola xeral, que lle corresponderá a Mosquera, no día a día o equipo conta con dar guerra no pelotón e furar a meta por diante froito dalgunha escapada. Nesa tarefa abrollan dous nomes: David García, quen xa venceu o ano pasado en Ponferrada, e David Herrero. O propio Ezequiel pode tamén rabuñar triunfo nalgunha tirada e recordámoslles que en 2008 fixo segundo na etapa do Alto da Rabassa e terceiro tamén na etapa de montaña de Fuentes de Invierno.