As consellarías de Educación e Benestar deseñan unha "nova imaxe" para a rede galega de escolas infantís. Unha galiña azul simbolizará as aulas.
A simboloxía usada polo bipartito e agora desbotada pola Xunta
Un día despois de certificarse a volta do PP á maioría absoluta e nas primeiras declaracións públicas realizadas polo que sería novo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo resumía as prioridades urxentes do goberno que en breve lideraría. Loita fronte á crise económica e garantías de liberdade lingüística eran as urxencias declaradas e, á beira delas e, no medio do anuncio da venda do coche oficial do presidente saínte, os responsábeis do PPdeG subliñaban outra: "Converter as galescolas en garderías sen ideoloxías".
Confirmábase así a preocupación dos populares por un asunto usado prolixamente durante a anterior lexislatura. Un combate no que a inédita aposta polo despregue dunha ampla rede de aulas de educación infantil recibía belixerantes ataques mediáticos. Exemplo é que asuntos de rutina para calquera xardín de infancia, como a compra de mandís para os cativos, de uso común nos centros escolares para os máis pequenos, pasaran a ser convertidos nesta batalla política en presunto exemplo da intención "ideoloxizadora" do bipartito a través das aulas de infantil.
Na práctica, a inxección de recursos para a creación de arredor de seis milleiros de prazas públicas para o primeiro treito do ensino infantil (até os tres anos de idade), quedaba así escurecida e distorsionada por esta liorta política. A incógnita agora para a comunidade educativa é se a erosión á rede queda no simple cambio de denominación para as escolas ou se lle afectará á calidade dos centros e os recursos materiais e humanos.
Este martes e no Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega), a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, e o conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, presentaron a "nova imaxe" da rede de escolas infantís do país. Unha imaxe baseada nunha galiña azul, inspirada no conto do mesmo nome da autoría do finado Carlos Casares. Durante a presentación, o conselleiro falou do impulso dun ensino "desideoloxizado" e baseado na "liberdade educativa". Da pita azul dixo que representa "a sensibilidade dos nenos e o compromiso do Goberno coa liberdade, a diversidade e a pluralidade". En proceso está o traslado da xestión dos centros á Consellaría de Educación, xa que a Consellaría de Traballo e Benestar herdou a pilotaxe destas aulas da anterior Vicepresidencia do Benestar para o curso que en setembro comeza.