Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
reforma da lei do solo

Maior axilidade ou furado legal a prol das especulacións?

O BNG advirte do proxecto "liberalizador e permisivo" que pretende a Xunta. O PP retruca que se basean nun documento que o Bloque apoiou na Fegamp.

Redacción - 09:30 15/08/2009

"Preocúpanos que, unha vez máis, en relación coa legalidade urbanística, se estean dando bandazos e non se propicie un pacto de País que chegou a existir”, afirmou este venres Francisco García, alcalde de Allariz e representante do BNG na Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). García comentou que ao contrario do argumentario usado polo PP nas últimas semanas, a modificación da Lei do Solo que proxecta o Goberno "non recolle as peticións e reclamacións da Federación Galega de Municipios". "Utilízase a Fegamp como pretexto para facer unha revisión en profundidade e de calado da lexislación urbanística", advertiu.

Tal reforma, segundo explicou o rexedor nacionalista, nace cun "espírito liberalizador" e contribuirá "á dispersión poboacional". Xunto co concelleiro de Obras e Infraestruturas de Pontevedra, o edil nacionalista César Mosquera, analizou en conferencia de prensa o texto deseñado polo equipo de Núñez Feijoo, censurando que non se recollan propostas realizadas en 2007 pola Fegamp e mesmo modificando aspectos importantes introducidos na lei en 2004, cando o agora presidente da Xunta tiña responsabilidades no último goberno de Manuel Fraga.

García negou por exemplo que a modificación da lei garanta maior autonomía municipal. "Só é así no caso da concesión de licenzas urbanísticas en solo rústico pero, en ningún caso, en aspectos substanciais como a aprobación definitiva de planeamentos municipais", avisou. "Volvemos un pouco á situación anterior a 2004", laiouse. Doutra banda, Mosquera agoirou que o proxecto do PP abrirá a man a solucións urbanísticas "aberrantes", e asegurou que, de xeito concreto, promoverá que proliferen "como fungos" urbanizacións en áreas rurais "sen dotacións de ningún tipo e sen cargas".

O PP retruca que se basea en acordos da Fegamp
Ás declaracións dos nacionalistas respondía pouco despois Román Rodríguez, voceiro do PP en materia de Ordenación do Territorio, quen acusaba o rexedor de Allariz de "falta de seriedade e criterio". "A que García temos que facer caso, ao que apoiou ese documento, ou ao que o rexeita agora que se plasme na modificación da lei", afirmou Rodríguez en referencia ao documento aprobado por unanimidade na Fegamp en 2006 e no que, asegura o deputado do PP, está baseada a reforma da Lei do Solo na que traballa a Xunta.

Román Rodríguez definiu o BNG de "absolutamente neocentralista" e opinou que os nacionalistas "desconfían dos concellos, polo que gobernaron durante catro anos dándolles as costas". "Así o demostran feitos como o recurso que a propia FEGAMP interpuxo contra as Normas do Hábitat ou os conflitos que xerou cos concellos o Plan de Vivenda Protexida", expuxo o voceiro do PP. Na súa opinión, esta reforma "permitirá unha maior axilidade nas tramitacións e en ningún momento suporá unha barra libre como o BNG pretende facer crer".


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: