A capital de Escocia convértese en agosto nun rebulir de creadores e público de todo o mundo con máis dunha vintena de festivais simultáneos.
Este venres comeza o Festival Internacional de Edimburgo, a cara máis formal da maré de eventos culturais que ao longo do mes arrastran á cidade a milleiros de persoas. A edición número 63 do certame inspírase na Ilustración e ten como eixos temáticos o concepto de diáspora e identidade e o papel que xoga Escocia no mundo. A través da ópera, a danza, o teatro, a música clásica e as artes visuaiso festival propón distintos achegamentos a estes temas.
A distancia e a noción de fogar trátanse en varias producións presentes no programa. O mito de Ulises reinterprétano desde a danza o Royal Ballet of Flanders e desde a ópera a Handspring Puppet Company, nunha proposta na que as marionetas e un filme de animación comparten escena con músicos e cantantes líricos. Aínda que o Festival de Edimburgo ten un marcado carácter clásico, hai lugar para propostas arriscadas, como a presentación de St. Kilda, Island of the Birdmen, unha ópera en gaélico, francés e inglés que emprega audiovisuais, danza e circo para achegar ao público ao arquipélago cos cantís máis altos de Escocia.
Malia o seu carácter internacional e acoller algunhas das compañías máis prestixiosas do mundo, o festival dedica moita atención aos creadores escoceses. Á dramaturga Rona Munro, unha das escritoras máis premiadas do país, o festival encargoulle a creación da súa última obra: The Last Witch. Na sección de artes visuais, as mostras de valores seguros como Tacita Dean e Joseph Kosuth combínase coa de talentos escoceses emerxentes, como Nathan Coley.
Moitos artistas por metro cadrado
Pero o certo é que o Festival de Edimburgo só é un dos moitos festivais que se celebran na cidade en agosto. Desde que se creou en 1947 comezaron a xurdir certames paralelos, o primeiro deles o Fringe. Este alcume de marxinal non lle resta presenza a un festival que programa centos de actividades de teatro e danza que ocupan as rúas e os locais da cidade, e na que se tentan dar a coñecer cómicos e compañías das illas británicas e do resto do mundo.
A relación de festivais é tan ampla que parece que non houbera actividade humana que non conte co seu festival na cidade en agosto: hai un festival de cine, tres de libros, un de desfiles militares, un de ciencia, un certame de comedia, un festival sobre as comunidades asiáticas da cidade e outro sobre o Islam, un certame de jazz e blues e outro de swing, o People's Festival e o Interactive Festival, dous festivais de arte, outros dous sobre Internet, un festival de política, outro de espiritualidade e ata un festival da colleita.