A plataforma ecoloxista avalía como "boa nova" a decisión de paralizar a adxudicación dos 2.325 MW repartidos na anterior lexislatura.
"A concesión eólica pretendida pola anterior consellaría de Industria, liderada polo BNG, no caso de se consumar acadaría un grao de impacto ambiental e paisaxístico que sorprendería e incluso, horrorizaría á maioría dos galegos no caso de comprobar os seus efectos sobre o territorio e que se sumaría ao xa creado durante a era Fraga e que tanto criticara o BNG". Así o reflexionan desde a Federación Ecoloxista Galega (FEG), ao respecto da actualidade eólica no país, nun comunicado enviado aos medios onde lembran que xa presentaran no seu momento un recurso onde solicitaban a anulación e suspensión "preventiva" da orde do 6 de marzo de 2008 sobre a tramitación de parques eólicos.
Por este motivo, a FEG recibe "como boa nova" a decisión agora da Xunta de paralizar a adxudicación dos 2.325 megavatios repartidos polo anterior goberno. Consideran os ecoloxistas que o bipartito quixo aproveitar "resortes legais do plan eólico da era Fraga" permitindo 78 parques que "non eran sometidos á normativa europea de avaliación estratéxica ambiental". Logo da suspensión do decreto a pasada semana, a FEG explica agora que agardan "novos aires" na forma de entender a aposta polo desenvolvemento do sector. Ao respecto propoñen que o novo plan éolico estea baseado en "criterios de responsabilidade" e que teña en conta "o verdadeiro valor das montañas e serras galegas, que son o berce do patrimonio rural, cultural, e ambiental do noso territorio".
De xeito concreto esixen que o novo texto se somete á avaliación estratéxica ambiental, "tendo en conta os plans de conservación da Rede Natura, a Directiva de Hábitats ou a Lei do Patrimonio Natural e da Biodiversidade", que contemple expresamente un capítulo con áreas de exclusión por motivos ambientais e culturais e que incorpore o "principio de cautela" ou precaución, co que cada posíbel concesión eólica veña acompañada dunha avaliación de "opcións alternativas menos prexudiciais asentadas en principios de sustentabilidade".