A estrela grega do básquet confía en que o equipo compostelán armará unha escadra coa que aspirar a algo máis que manter categoría.
"Non só imos salvarnos, senón a dar a sorpresa e sermos o equipo revelación, mantendo a máxima categoría". Así de optimista aparece Kostas Vassialidis, nas súas primeiras declaracións logo de fichar polo Xacobeo Blu:sens. O grego afirma estar orgulloso de ser a primeira aposta do novo proxecto do baloncesto compostelán e promete esforzo máximo para "facer posíbel o soño da afección".
Ao respecto da fichaxe, o director deportivo do equipo, Alberto Blanco, destacou a xuventude e á vez a experiencia acumulada por esta primeira fichaxe do equipo, recordando que Vassialidis xogou xa na ACB e tamén na Euroliga. Explica Blanco que con esta primeira aposta queren demostrar "a seriedade do proxecto" malia as dificultades económicas. "Vassiliadis achegaranos ese carácter especial dos gregos que agradecerá o público", prognosticou. Por outro lado, o adestrador, Curro Segura, dixo esperar que este xogador se converta en referencia do xogo exterior do cadro, subliñando a súa efectividade na longa distancia",e lembrou o seu anterior paso pola ACB, daquela coas cores do Unicaja. "Con esta contratación poñemos o primeiro nome para facer un cadro competitivo", analizou, "gústanos que sexa un xogador que queira volver á ACB con fame por demostrar o seu potencial".