Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
XII EDICIÓN

As viñetas do Atlántico poñen a vista en América

A Coruña acolle desde este luns o Salón Internacional do Cómic, que repasará a historia do cómic-book americano e contará coa presenza de recoñecidos debuxantes.

Redacción - 10:15 10/08/2009
Cartel da XII edición do Salón do Cómic da Coruña

Cartel da XII edición do Salón do Cómic da Coruña

Un ano máis, e xa van doce, a cidade da Coruña encherase da cor das viñetas dos máis variados estilos de banda deseñada. O Salón Internacional do Cómic arrinca este luns 10 de agosto cunha aposta polo cómic-book americano, coa presenza de debuxantes galegos e estranxeiros e co obxectivo de superar os 70 mil visitantes que se achegaron até a cidade herculina na última edición.

Os grandes heroes, en exposición
Dende este luns e até o domingo, o cómic ocupará o Quiosco Alfonso, situado nos xardíns de Méndez Núñez, un recanto da cidade que se converterá en centro neurálxico de exposicións. Mais non será o único, todos os recunchos da cidade mudan estes días as súas cores polas da banda deseñada: María Pita, o Aquarium Finisterrae, a sala municipal de Palexco ou a Biblioteca Municipal Salvador de Madariaga tamén acollerán diversas exposicións. Dunha a outra sala expositiva, poderemos achegarnos a artistas como Alex Cal, Vittorino Giardino, Pasqual Ferry, Scott McCloud, Enma Ríos ou José Fonollosa, entre outros.

Mais a grande temática deste mostrario de novela gráfica é o percorrido histórico do cómic-book americano, unha grande exposición que procede dunha colección privada e que organiza Jaume Vacquer. A mostra repasa a evolución da novela gráfica americana entre os anos 50 e os 90, un escaparate aberto aos traballos de Jack Kirby, Jack Davis, Vally Wood, Steve Ditko ou Dave Gibbons, entre outros. Tamén, haberá ocasión de achegarse a pezas da editorial EC ou DC, con grandes heroes do cómic como Batman ou Superman.

Contadores de historias, en viñetas
Tamén coa novela gráfica americana de fondo, o salón conta coa presenza de importantes e recoñecidas estrelas internacionais e unha seleccións dos mellores debuxantes españois e galegos. A programación complétase cun amplo abano de conferencias paralelas que se desenvolverán no Quiosco Alfonso, uns relatorios que se iniciarán da man do francés André Juillard este luns e que disertará sobre a evolución da banda deseñada.

Xa o mércores, serán os artistas galegos que traballan para a editorial Marvel (Enma Ríos e Álex Cal) quen expliquen a pegada da novela gráfica americana no quefacer galego. Tomará o relevo o pai do cómc italiano, Vittorio Giardino, autor do heroe Jonas Fink. O xoves será o día do autor valenciano Paco Roca e da debuxante inglesa Paty Simmonds, quen presentará o seu último libro. O peche da programación poráo un dos grandes teóricos da creación, o estadounidense Scott McCloud, quen disertará sobre o proceso creativo e a orixe da banda deseñada.


Ligazóns

5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Unha das obras do americano Dave Gibbons
Unha das obras do americano Dave Gibbons
Unha das obras de Jack Kirby, outro dos debuxantes estadounidenses que terán o seu espazo neste evento
Unha das obras de Jack Kirby, outro dos debuxantes estadounidenses que terán o seu espazo neste evento