O PSdeG criticou hoxe que a Xunta propoña a aplicación dun canon de compensación ambiental ás empresas eólicas cando o PP "se opuxo á aplicación" do canon hidroeléctrico nos mesmos termos cando estaba na oposición.
Así o explicou o voceiro do PSdeG no Parlamento, Xaquín Fernández Leiceaga, quen considerou que o Goberno presidido polo PP está a tomar con esta decisión unha "tripla rectificación".
Neste sentido, ademais da cuestión relativa ao canon, Fernández Leiceaga, apuntou unha "rectificación en relación coa Rede Natura", que exemplificou no "desexo de preservar" esta rede no concurso eólico cando "non é relevante para a situación dos proxectos acuícolas". "As instalacións acuícolas agriden máis o medio", considerou. Finalmente, criticou que a Xunta aluda ao emprego da "concorrencia competitiva" para derrogar este proxecto, xa que, explicou, este elemento xa estaba no anterior decreto e recordou a adxudicación "absolutamente discrecional" da "primeira convocatoria do PP".
Politización e consecuencias
Aínda que Fernández Leiceaga apostou por ser "prudentes e cautos" cun novo proxecto que "é descoñecido" polo PSdeG, manifestou a súa "sorpresa" pola anulación dun decreto que, na súa opinión, obedece só a criterios "políticos". "Esta é unha politización inusual da actuación dun Goberno, sobre todo sen que medie ningunha resolución xudicial,", explicou Leiceaga, quen o cualificou de "revisión política".
Neste sentido, explicou que "se"manteñen unha porción moi elevada dos criterios e o proceso de adxudicación cambiando o resultado final" e "esperou" que non "se sigan as liñas trazadas por algunhas empresas que presentaron recursos".
Para o socialista, esta derrogación terá como resultado a creación de "máis inseguridade xurídica e máis recursos xudiciais" que, á súa vez, suporán un "quebranto previsíbel das arcas públicas". "Este proceso en marcha xerou dereitos para algunhas empresas e os proxectos eólicos teñen un custo moi elevado", explicou.
Ademais, criticou o "atraso no desenvolvemento eólico" que suporá esta anulación e que cifrou en "máis de dous anos". Nesta liña, apuntou a "importancia" da posta en marcha de proxectos eólicos "en momentos de crise", máis aínda se "se ten en conta a progresiva redución das primas eólicas". "Canto máis nos atrasamos, máis estamos a prexudicar o desenvolvemento eólico en Galiza", advertiu.